A Xunta de Galicia publica as bases reguladoras para a concesión do Premio Elías Valiña para o ano 2023

Premio Elías Valiña

ORDE do 13 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago, e se convoca a súa XXIV edición para o ano 2023.

Elías Valiña Sampedro, cura párroco da Igrexa católica no Cebreiro, foi un estudoso do Camiño de Santiago. Sinalizou coas frechas amarelas o traxecto desde Francia. En Galicia recuperou tramos perdidos da ruta e promoveu a creación do Boletín del Camino de Santiago.

No transcurso do Encuentro Jacobeo dos párrocos do Camiño, que tivo lugar en Santiago de Compostela entre os días 20 e 24 de maio de 1985, xa resultaba evidente para todos que Elías Valiña era a persoa que debía estar á fronte do movemento xacobeo para o coordinar. Foi elixido por unanimidade.

O cura do Cebreiro escribiu, entre outras publicacións, El Camino de Santiago: estudio histórico-jurídico (1971) e El Camino de Santiago. Guía del peregrino (1985).

É por mor de gratitude e de recoñecemento do seu labor de renacer deste gran camiño medieval que a Xunta de Galicia creou este premio para distinguir dentro das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, cun labor de protección, revitalización ou fomento do coñecemento e dos valores propios do Camiño de Santiago, tanto dentro como fóra de Galicia, a aquela entidade que unha comisión de valoración considere que é máis merecente nesta edición de obter o premio Elías Valiña.

A convocatoria do Premio Elías Valiña pretende salientar coa distinción, desde a súa primeira convocatoria, o labor de entidades xacobeas a prol de revitalizar os valores que foron e son propios do Camiño de Santiago.

O prazo de presentación de candidaturas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *