A Xunta restaurará a capela da Soidade de Lugo, no Camiño Primitivo a Santiago

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de licitar obras de restauración e eliminación de humidades na capela da Soidade da Venerable Orde Terceira en Lugo.

Os traballos corrixirán os problemas de entrada da auga a través dos muros e do chan. A capela recuperará a súa imaxe primixenia, dado que a mampostería existente non foi concibida para quedar descuberta e provoca boa parte das filtracións.

Así, os muros exteriores serán enfoscados e pintados, en liña coa solución aplicada na torre do campanario e noutras zonas da anexa igrexa de San Pedro na restauración levada a cabo o pasado ano. O enfoscado será a base de morteiro de cal, que permite un bo funcionamento hidrométrico dos edificios, con pintura mineral ao silicato. A medida mellorará notablemente o illamento das fachadas.

As zonas de cantería limparanse e reporanse os encintados. Tamén se restaurarán ou substituirán as carpinterías e a cerraxería, retirando os elementos discordantes.

Esta capela barroca, protexida polo seu valor cultural no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, foi construída no ano 1695. Esténdese ao longo do lateral sur da nave da igrexa de San Pedro e ten planta rectangular debido á adaptación ao terreo que o entón convento franciscano cedeu para a súa construción, o que condicionou a súa forma e dimensións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *