Exposición “Kumano e Santiago. Camiños de peregrinación” 🗓

Fotografías de Tomohiro Muda e Luis Ocaña

O Kumano kodo desenvolve a súa espiritualidade sincrética e purificadora nas terras montañosas das prefecturas de Wakayama, Nara e Mie, mentres que o Camiño de Santiago, primeiro itinerario cultural de Europa, estende a súa tradición e os seus espazos sacros polo Vello Continente. Ambos os dous itinerarios de peregrinación, declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, irmandáronse en 1998, e desde entón emprenderon unha viaxe común que os relaciona e vincula nunha “peregrinación dual” que se desenvolve en terras tan distantes como unidas na promoción dos valores humanos.

Os peregrinos xacobeos camiñan desde hai máis de mil anos ata Compostela, a cidade onde se lle rende culto ao apóstolo Santiago o Maior, e durante a ruta experimentan un encontro cos seus compañeiros de viaxe, a poboación local e consigo mesmos, inmersos nunha xeografía sacra de natureza e patrimonio. Nun exercicio de paralelismo cultural, os peregrinos de Kumano camiñan ao encontro dos deuses da natureza cara a un confín, pois ese é o significado de Kumano, inmersos en máxicos lindes de bosque e montaña.

O Camiño de Santiago e o Kumano kodo celebran en 2023 os vinte e cinco anos do seu irmandamento. O desenvolvemento da chamada “peregrinación dual” logra que os que cumprimenten as súas respectivas acreditacións en ambos os camiños poidan obter unha acreditación común a ambos, como peregrinos de Santiago e Kumano.

Lugar: Casa de Galicia en Madrid
Dirección: Casado del Alisal, 8

Data: 5 de xuño de 2023-31 de xullo de 2023
Horario: De luns a sábado, de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h / Domingos e festivos, de 10:00 a 14:00h

Organiza: Turismo de Galicia. Xunta de Galicia
Colabora: Casa de Galicia en Madrid. Xunta de Galicia

from to
Scheduled Eventos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *