A Xunta afianza no Gaiás ‘Reb/veladas na paisaxe’ cunha nova edición con pezas artísticas vencelladas co Camiño de Santiago

O ciclo continúa a súa aposta polas zonas naturais da Cidade da Cultura como espazos culturais e pola maior presenza da muller na arte con tres comisarias galegas: Paula Cabaleiro, Sara Donoso e Monserrat Pis Marcos

As intervencións artísticas de Alicia Framis, Pablo Barreiro e Clara Montoya teñen un diálogo físico, visual ou conceptual coa peregrinación e con Compostela

O conselleiro de Cultura apunta o interese deste ciclo tamén entre os peregrinos, que poden sentirse interpelados e incluír a súa visita á súa chegada a Santiago

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019

A Xunta de Galicia consolida na Cidade da Cultura o ciclo Reb/veladas na paisaxe coa inauguración hoxe da súa segunda edición, que mantén a súa cerna no valor cultural dos espazos naturais do Gaiás ‒Xardín Literario e Bosque de Galicia‒ e na visibilidade da muller na arte contemporánea ao volver apostar por comisarias galegas. A novidade deste ano é a súa incorporación á programación do Xacobeo 2021, xa que as tres intervencións artísticas están vencelladas co Camiño de Santiago.

Durante a inauguración, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González, gabou a “orixinal exploración” da relación do Gaiás co Camiño de Santiago que se pode apreciar nas intervencións de Alicia Framis (Barcelona, 1967), Clara Montoya (Madrid, 1974) e Pablo Barreiro (Meaño-Pontevedra, 1982), artistas escollidos polas tres comisarias galegas Paula Cabaleiro, Monserrat Pis Marcos e Sara Donoso, respectivamente.

Neste senso, o titular de Cultura e Turismo considerou o monte Gaiás como unha “atalaia estratéxica” entre o Camiño Francés e a Vía da Prata, xa que lembrou que esta última ruta fai a súa entrada a Compostela polo barrio de Sar, “que transcorre paralelo á faldra oeste do Bosque de Galicia da Cidade da Cultura”. Neste contexto, valorou que as tres propostas ‒ademais de confirmar as posibilidades da creación artística “fóra do espazo museístico”‒ procuran o “diálogo físico e visual” co Camiño de Santiago, a catedral e a cidade histórica de Compostela, “como meta e destino de peregrinación”.

Caixa de correos, música para as estrelas e o barroco compostelán
En concreto, Alicia Framis xoga en Deixa aquí os teus medos coa lectura da peregrinación como punto de fuga e de deixar atrás. E faino cunha caixa de correos en forma de pirámide —situada no Xardín Literario— onde se poden depositar os temores en forma de carta ou postal.

Clara Montoya ponlle música a bóveda celeste do Gaiás en Constelancións II. Deste xeito, situou unhas cadeiras con altofalantes na cola do Museo Gaiás, localizada na faldra oeste do Bosque de Galicia, a modo dun perfecto miradoiro ao casco histórico compostelán. Ao sentarse nelas, e tendo e conta a rotación da terra en tempo e orientacións reais, o visitante escoitará un coro interpretar a música designada á estrela que ten enriba. Precisamente, estes astros están ligados estreitamente coa historia de Compostela e as Rutas Xacobeas.

Mentres, en (Re)producións (entre o erro e a verdade), Pablo Barreiro recrea algúns dos elementos máis icónicos que se poden atopar no Barroco compostelán para posteriormente situalos, descontextualizados, no paseo asfaltado que se atopa entre o Xardín Literario e o Bosque de Galicia. Motivos das fachadas da Casa do Cabido e do convento de Santa Clara e diferentes ornamentos de San Martiño Pinario e da Catedral son imitados a escala 1/1 e dialogan agora, a modo de instalación, no espazo da Cidade da Cultura.

As comisarias e artistas anteriores
Con estas novas intervencións, esta segunda edición enriquece e amplía a creatividade artística comezada o ano pasado cando botaron a andar o ciclo Chus Martínez Domínguez, Ánxela Caramés e Antía Cea García. Naquela ocasión, estas tres comisarias galegas escolleron as e o artista Beatriz Lobo, Paul E. Guy e María Kulikovska, respectivamente.

As súas instalacións —un merendeiro no que grafitear, unha caseta observatorio de paxaros e unhas figuras femininas de xabón a escala real acazapadas entre as árbores— integráronse nas zonas naturais do Bosque de Galicia e o Parque do Lago creando non só un novo espazo creativo mentres durou Reb/veladas na paisaxe, senón tamén unha andaina-ruta artística, que contou con visitas comentadas.

Apeiros de labranza para a sinalización
Esta edición de Reb/veladas na paisaxe volveu contar co estudio Cenlitrosmetrocadrado para levar a cabo o sistema de sinalización. O modelo elixido caracterízase, ademais de pola súa incuestionable funcionalidade, pola súa orixinalidade, á vez que a súa axeitada integración no territorio, xa que as infraestruturas emulan a un apeiro de labranza, o que lle confire tamén un carácter pouco invasor.

Na páxina web da Cidade da Cultura pode atoparse máis información polo miúdo destas tres instalacións de Reb/veladas na paisaxe.

Folleto de sala en galego, castelán e inglés

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *