A Xunta e a Deputación de Pontevedra lanzan ‘Camiño A Dentro’: dez accións de mulleres artistas para pór en valor o Camiño Portugués 🗓

O proxecto, enmarcado en ‘O teu Xacobeo’, desenvolverase en dez concellos polos que pasa a ruta interior e a da costa e inclúe desde teatro, poesía e música a instalacións artísticas, videocreacións, ilustración e fotografía

Pontevedra, 26 de setembro de 2019

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra desenvolverán nos meses de outubro e novembro Camiño A Dentro, un novidoso proxecto cultural con dez accións artísticas en distintos concellos da provincia polos que pasa o Camiño Portugués ou o Camiño Portugués da Costa. Todos os eventos correrán a cargo de mulleres artistas de recoñecida traxectoria e inclúen desde música en vivo, poesía e teatro a instalacións artísticas, videocreacións, ilustración e fotografía. Os actos desta iniciativa, desenvolvida a través de Turismo Rías Baixas e enmarcada no programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia, empezarán en Baiona o día 3 de outubro e rematarán o día 25 en Soutomaior. No mes de novembro terá lugar a presentación do catálogo do proxecto.

Camiño A Dentro ten como obxectivo pór en valor o Camiño desde unha perspectiva cultural contemporánea, recoñecer o labor das mulleres artistas e propiciar o encontro coa comunidade local e os peregrinos e peregrinas. O programa arranca nos xardíns da Casa da Navegación de Baiona o día 3 e continuará nos días seguintes sucesivamente en Redondela, Caldas de Reis, O Porriño, Oia, A Guarda, Pontevedra, Nigrán, Tui e Soutomaior.

O proxecto conta coa participación das artistas Dores Tembrás, Carmen Quinteiro, Ruth Montiel, o grupo Dúas (formado por Sabela Caridad e Marta Figueiredo), María Meijide, Inherente Teatro (integrado por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti), Lucía Loren, Carla Andrade, Nastasia Zürcher e Helen Bertels. A iniciativa está comisariada por Paula Cabaleiro, coordinadora tamén do programa Mulleres en Acción.Violencia Zero da Deputación de Pontevedra.

O Camiño Portugués é a segunda Ruta Xacobea máis transitada de cantas conducen a Santiago de Compostela, con máis de 67.800 peregrinos e peregrinas en 2018 e en aumento constante nos últimos anos. O Camiño da Costa, que cruza todo o litoral desde A Guarda deica Redondela, tamén rexistra un progresivo incremento de peregrinos e peregrinas, con 13.638 en 2018. Así, as dúas rutas vencelladas ao país veciño superan as 81.500 persoas ao ano en tránsito pertencentes a un grande abano de nacionalidades.

Camiño A Dentro afondará, cunha ollada cultural, na relación entre Camiño e territorio e na interacción entre a veciñanza e os peregrinos e peregrinas.

CALENDARIO

Xoves 3 de outubro BAIONA
Xardíns da Casa da Navegación – 18:30 horas
Dores Tembrás – Poesía, acción poética

Venres 4 de outubro REDONDELA
Exterior da Casa da Torre – 18.30 horas
Carmen Quinteiro – Acción poética con música en vivo.

Sábado 5 de outubro CALDAS DE REIS
Xardín Botánico – Instalación durante o día, coa participación do público. – 18.00 horas
Ruth Montiel Arias – Instalación artística.

Xoves 10 de outubro O PORRIÑO
Praza do Arquitecto Antonio Palacios, diante do Concello – 12:00 horas
Dúas, Sabela Caridad e Marta Figueiredo – Percusión

Venres 11 de outubro OIA
Inmediacións do mosteiro de Oia-Praza Centinela – 18.00 horas
María Meijide – Pintura e ilustración

Mércores 16 de outubro A GUARDA
Praza do Reló, diante do Concello – 18:30h
Inherente – Teatro

Xoves 17 de outubro PONTEVEDRA
Praza da Ferraría – 12.30 horas
Lucía Loren – Instalación Artística.

Venres 18 de outubro NIGRÁN
Praza do Concello – 19.30 horas
Carla Andrade – Fotografía e videocreación.

Sábado 19 de outubro TUI
Praza de San Fernando (diante da Catedral) – 18:30 horas
Nastasia Zürcher – Música

Venres 25 de outubro SOUTOMAIOR
12.00 horas
Helen Bertels – Acción Escénica

Máis información: Deputación de Pontevedra – Rías Baixas

from to
ical Google outlook Eventos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *