Conferencia do profesor de arte medieval Robert Maxwell

O vindeiro martes 10 de abril, o prestixioso profesor da New York University, Robert Maxwell, estará en Santiago para impartir a conferencia A apocalipse e visións do tempo na arte románica. Este encontro, organizado pola Fundación Catedral de Santiago e a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, terá lugar ás 19:30 h no Hostal dos Reis Católicos.

O profesor Maxwell, considerado un dos mellores expertos en arte medieval do mundo, trazará un interesante estudo acerca da capacidade comunicativa das imaxes e a súa relación coas sacras escrituras na Idade Media, algo que poderá poñerse en relación co discurso iconográfico do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, que neste 2018 encara a súa fase final de restauración.

Robert A. Maxwell é Doutor en Historia da arte por a Yale University e Máster en Historia da arte pola mesma Universidade. Licenciouse en Estudos medievais na Princeton University. Na actualidade, desde 2014, é Catedrático de Historia da arte no The Institute of Fine Arts de The New York University e Director de estudos de Grao na mesma universidade. Con anterioridade, foi profesor nas universidades de Michigan e Pennsylvania. Ademais do seu labor académico, centra a súa actividade investigadora no relativo ao mundo visual da Idade Media, a súa capacidade para transmitir significados, as súas diferentes interpretacións e os seus valores sociais. Presta especial atención aos campos da escultura, a arquitectura e os manuscritos iluminados. Na actualidade, desenvolve un proxecto de investigación titulado Art inventing History: Documentary culture and the rise of secular pictorial narrative (1000-1200), que examina o papel das imaxes nos debates epistemolóxicos e nos límites da historia. É, por último, autor de importantes publicacións sobre arte medieval e, en particular, en escultura románica.

Conferencia: A apocalipse e visións do tempo na arte románica, de Robert Maxwell.

Día: 10 de abril de 2018

Hora: 19h30

Lugar: Auditorio do Hostal dos Reis Católicos. Santiago de Compostela

Fonte e imaxe: Fundación Catedral de Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *