Congreso “As rutas de peregrinación como impulsoras do turismo internacional”

Santiago de Compostela acollerá entre o 5 e o 7 de decembro o Congreso Internacional As rutas de peregrinación como impulsoras do turismo internacional, un encontro impulsado pola Orde do Camiño de Santiago en colaboración coa Xunta de Galicia.

O congreso, que se desenvolverá de xeito híbrido combinando a asistencia presencial e vía streaming, reunirá a expertos procedentes de 21 países de Europa e América, que abordarán os retos actuais que afrontan tanto o Ano Santo Xacobeo, como outros centros de peregrinación de referencia internacional, tales como Terra Santa, Lourdes, Fátima ou a propia Roma, os principais destinos de referencia no ámbito do cristianismo. Tamén se abordarán experiencias de desenvolvemento do turismo relixioso, oportunidades de comercialización turística así como boas prácticas levadas a cabo en rutas impulsadas en diversos países de América Latina.

Ademais do programa académico, este congreso ofrece aos participantes a posibilidade de coñecer enclaves turísticos de Galicia polos que transcorren diferentes itinerarios do Camiño de Santiago, con experiencias moi singulares, actividades culturais e degustación de gastronomía local. Xunto a Santiago, estas localizacións serán en Melide, onde a Orde dispón do Bosque dos Peregrinos, e en Noia, para coñecer o Proxecto Noia-Portus-Apostoli. Tamén se prevén alternativas culturais e de lecer para aqueles que se desprazarán até Compostela, cumprindo un rigoroso protocolo sanitario.

A inscrición pode realizarse a través da páxina web www.ordendelcaminodesantiago.es

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *