Exposición: Galicia, un relato no mundo 🗓 🗺

Galicia, un relato no mundo explora a interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade. Concibida como a primeira de tres grandes exposicións da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, céntrase nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo.

No marco da exposición chegan por vez primeira a Galicia destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo. O público galego terá así a oportunidade única de contemplar nunha mesma mostra obras procedentes de institucións de referencia como a Cambridge University- Parker Library, as Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, o Museo do Prado, a Biblioteca Apostólica Vaticana, a Biblioteca de Arezzo en Italia ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.

Así, a mostra ofrece ao público galego a posibilidade de contemplar obras como a Biblia Kennicott –unha das biblias xudías máis valiosas, creada no s.XV na Coruña–; a Santa de Asorey –que o propio escultor cambadés cualificou como a obra da que estaba máis satisfeito– dous Códices Calixtinos: os Liber Sancti Iacobi da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca –dous dos tres únicos calixtinos iluminados ademais do orixinal de Santiago que se conservan no mundo–.

Chegan por primeira vez a Galicia obras como o Libro das Invasións –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario cuxo fillo Ith avistou Irlanda desde o faro de Brigantia, e figura destacada no propio Himno Galego, que converte Galicia no Fogar de Breogán–; o Cancioneiro da Vaticana –peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa– ou o Mapa de Sawley, considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos que na época do Pórtico da Gloria (s.XII) representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa.

Data: do 15 de novembro de 2019 ao 12 de abril de 2020

Lugar: Museo Centro Gaiás. Cidade da Cultura. Santiago de Compostela

Organiza: Xunta de Galicia e Fundación Cidade da Cultura | Programación do Xacobeo 2021

Colabora: Consello da Cultura Galega | Secretaría Xeral da Emigración

Patrocina: Estrella Galicia | Gadisa.

from to
ical Google outlook Eventos
Cidade da Cultura, As Fontiñas, Santiago de Compostela, Comarca de Santiago, A Coruña, Galicia, España Map

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *