Exposición: Memoria de Peregrinación. Camiño de Santiago. Primeiro Itinerario Cultural Europeo (Burgos)

O Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural de Europa, é unha das grandes riquezas comúns a tódolos europeos. Patrimonio cultural e moral de Occidente e de toda a Humanidade, esta ruta milenaria foi transitada por millóns de persoas dende a Idade Media ata a actualidade.

A exposición audiovisual Memoria de Peregrinación é froito da recente viaxe do fotógrafo Manuel Valcárcel e do músico Alexandro González, ambos galegos, a través dunhas rutas xacobeas de dilatada historia e tradición. É unha viaxe contemporánea realizada co propósito de somerxerse, cos cinco sentidos alerta, na intimidade duns lugares históricos que forman parte substancial da memoria cultural de toda a Humanidade.

A mostra é reflexo dunha viaxe intensa e moi vivida a través de Hungría, Austria, a República Checa, Eslovenia, Italia, o norte de España e a Galicia xacobea. Unha peregrinación moi particular na que ámbolos dous artistas móstranse atentos á tradición  cultural e á sensibilidade relixiosa que impregnan os lugares e os camiños, destacando realidades ás veces silenciadas, denunciando co seu enfoque situacións e circunstancias que afectan ás poboacións próximas ós itinerarios de peregrinación, ou a modestia de vida de pobos e cidades da ruta.

Memoria de Peregrinación é, en suma, unha exposición que amosa a pluralidade e riqueza dunha Europa vertebrada polos itinerarios a Santiago de Compostela e que, sen dúbida, non deixará indiferente a ninguén.

Lugar: Sala Beato Valentín Palencia. Claustro baixo da catedral de Burgos
Dirección: Calle Diego Porcelos. Burgos

Data: do 14 ao 29 de xullo de 2017
Horario: todos os días de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00 h.

Organiza: S.A de Xestión do Plan Xacobeo. Turismo de Galicia. Xunta de Galicia
Colabora: Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Burgos, Arcebispado de Burgos e Cabido da Catedral de Burgos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *