Exposición: O Camiño de Santiago. Tomohiro Muda. Unha visión desde Oriente (Barcelos)

A exposición integrase no programa do VI Aniversario da Asociación ACB-Albergue Cidade de Barcelos

Tomohiro Muda é un fotógrafo xaponés que peregrinou dúas veces a Santiago de Compostela fotografando o Camiño e ofrecendo así a súa propia visión deste. Muda declárase amante do románico francés e sobre todo do español, de Santiago de Compostela e da peregrinación xacobea.

Naceu en 1956 na Prefectura de Nara, en Xapón, e en 1988 presentou a súa primeira exposición, “The land of Sherpa”, con fotografías realizadas no Himalaya.

Máis tarde viaxou por todo o mundo tomando imaxes de arte xaponesa, románica e bizantina, así como tamén de ruínas budistas e pintura rupestre chinesa, o Borobudur, Angkor e Ajanta. Estas reuníronse baixo o tema “Espazos de oración, formas de oración” en exposicións fotográficas e publicacións.

A presente exposición inaugurouse en 2008 en París, onde o artista se referiu expresamente a Vilar de Donas, declarando a fonda impresión que lle causara. Posteriormente itinerou a Wakayama (Xapón), a Tokio, onde se expuxo durante tres meses no Museo Aida, a México D.F. e a Santiago de Compostela.

No ano 2010, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, programou a súa itinerancia por Galicia a través de varios concellos do Camiño de Santiago como Palas de Rei, Redondela, Dumbría, Bertamiráns, Muxía e Fisterra. En 2011, grazas á colaboración do Consulado de España en Hamburgo, expúxose nas cidades alemás de Lübeck, Hamburgo, Hannover, Buxtehude e Kiel, conseguindo grande éxito de público; en 2012 continuou o seu periplo en Regensburg. Posteriormente viaxou a Málaga e Castuera, e chega agora a Valencia en colaboración coa Asociación de Amigos del Camino de Santiago da Comunidad Valenciana.

Lugar: Sala Gótica do Concello de Barcelos
Dirección: Largo do Municìpio. Barcelos. Portugal

Datas: do 14 de xullo ao 6 de agosto de 2017
Horario de visitas: de luns a venres, de 9:30 a 12:30 e de 14:00 a 17:00 h. Sábado e domingo de 10:00 a 12:00 e das 14:00 ás 17:00 h

Organiza: S.A de Xestión do Plan Xacobeo. Turismo de Galicia. Xunta de Galicia
Colaboran: Associação ACB – Albergue Cidade de Barcelos e Concello de Barcelos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *