Exposición: O Camiño de Santiago. Unha Experiencia Contemporánea de Peregrinación (Chicago)

A exposición O Camiño de Santiago. Unha Experiencia Contemporánea de Peregrinación é unha nova expresión de creatividade contemporánea vinculada á cultura xacobea. Este magnífico proxecto desenvolverase ao longo do presente ano por varios lugares de EE.UU. Boston e Chicago terán a oportunidade de achegarse ao Camiño de Santiago a través das magníficas fotografías e do audiovisual que compoñen a mostra, cuxo autor, Manuel Valcárcel está obtendo grande éxito e recoñecemento internacional.

En Chicago, a exposición complétase cunha presentación sobre o Camiño de Santiago, ademáis dunha proxección que forma parte deste mesmo proxecto.

Para o peregrino contemporáneo a experiencia do Camiño de Santiago é única e irrepetible. Ademais de evocar a peregrinación medieval a Compostela, en contacto permanente co medio natural e o pasado histórico, camíñase por un itinerario espiritual enriquecido polas pegadas dos peregrinos que o frecuentaron durante séculos. Esta carga emotiva, froito dunha rica cultura e unhas tradicións que permanecen vivas -a hospitalidade é un destes sinais de identidade-, refórzase coa presenza viva duns sitios históricos que son Patrimonio da Humanidade. Cidades, vilas, conxuntos históricos ordenados ao redor de catedrais, mosteiros, igrexas e hospitais. Lugares e paisaxes en íntima relación coa peregrinación e cunhas rutas xacobeas que rematan na meta dun dos itinerarios culturais máis significativos do mundo.

Actualmente a experiencia da peregrinación a Compostela propicia un encontro do peregrino consigo mesmo, pero tamén cos outros peregrinos, compañeiros de ruta, coa poboación local e co marco espectacular dun Camiño universal e aberto, que sempre foi entendido como un espazo sacro. Ao final desta aventura física e espiritual, o encontro coa cidade de Santiago e a súa catedral concrétase na íntima visita á tumba do apóstolo Santiago o Maior e co abrazo á imaxe do altar maior. A suxestión do complemento do Camiño ata o Finisterrae europeo (cabo Fisterra) é fundamental para comprender a mentalidade medieval dos peregrinos, un lugar de gran significado ao que se adoita acudir tras completar a experiencia do Camiño no santuario compostelán.

Lugar: Instituto Cervantes. Chicago (EEUU)
Data: do 18 de outubro de 2018 ao 13 de xaneiro de 2019
Organiza: Xacobeo 2021. Turismo de Galicia. Xunta de Galicia
Colabora: Instituto Cervantes de Chicago
Patrocina: Correos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *