Exposición “VIA IACOBITANA II” (Vilalba)

A exposición Vía Iacobitana é unha nova expresión da creatividade contemporánea vinculada á cultura xacobea. Varios fotógrafos galegos que se transforman  en eventuais peregrinos percorren os camiños de Santiago en Galicia, mostrando coa súa particular visión as sensacións persoais que lles suxire a ruta elixida. Á visión da paisaxe circundante e próxima, cambiante segundo a época do ano, variable segundo o tempo atmosférico e as variacións da luz, súmase a vivencia da propia peregrinación e o legado cultural que atesoura, coa presenza de cada un dos camiños, do seu rico patrimonio histórico e dos peregrinos que cada ano percorren a Vía Iacobitana  que lles conduce a Santiago de Galicia.

Cada un destes artistas recolle nas súas imaxes todo un mundo que pasa e permanece, uns camiños vivos e moi vividos, plenos de evocaciones e propostas. Rutas de peregrinación a Compostela ao alcance de todo aquel que se fai peregrino, e desexa sentir en carne propia unha experiencia milenaria que o vincula a unha xeografía sacra única, a un itinerario universal e aberto, berce da cultura occidental e expresión refinada dunha civilización en marcha.

Coas imaxes propostas por Vía Iacobitana evidénciase unha vez máis a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido xeneroso e aberto da peregrinación xacobea, o seu inesgotable e imantador poder de sedución. A sensibilidade artística e a profesionalidade dos fotógrafos que participan na mostra, cativados polos potenciais e valores dunha experiencia única, forxan un novo legado iconográfico que transcende o instante efémero no que se realiza cada fotografía, para formar parte dun conxunto perdurable, o legado xacobeo, un tesouro en permanente estado de recreación e renovación.

Lugar: Auditorio Municipal de Vilalba. Sala de Exposicións Carmen Estévez
Dirección: Rúa das Pedreiras, s/n. Vialba (Lugo)

Datas: do 23 de xuño ao 9 de xullo de 2017
Horario: todos os días de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 h

Organiza: S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Turismo de Galicia. Xunta de Galicia
Colabora: Concello de Villalba

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *