Inaugúrase no Museo das Peregrinacións a exposición “Imaxes de pedra”, de Rosa Elvira Caamaño 🗓

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acolle a  exposición Imaxes de pedra, de Rosa Elvira Caamaño, a segunda das mostras previstas para este Ano Xacobeo arredor do Camiño de Santiago neste centro museístico.

A mostra está dividida en dúas seccións. A primeira delas, Imaxes de pedra desde París a Compostela, fai unha recreación pictórica dunha escolma dalgunhas pezas máis características de varios edificios da ruta do Apóstolo como o Santiago Peregrino da torre de Saint Jacques (París), Rei ancián músico do friso da portada da catedral de Moissac, o capitel do Sátiro da catedral de Jaca, o Pantocrátor da igrexa de San Martín de Frómista (Palencia) ou o parteluz do Pórtico da Gloria. A segunda sección, Xardíns do Paraíso, recrea os xardíns medievais, que intentaban representar o Paraíso, a Xerusalén celestial e o mundo descrito na Biblia, no que reina a beleza e a harmonía.

A autora busca coa mostra facer unha homenaxe aos creadores orixinais das imaxes, artesáns nómadas e pobres de oficio herdado en moitas ocasións, que deixaron un valioso legado para as xeracións posteriores. Así mesmo, destaca o seu papel como predecesores dos movementos artísticos que naceron nos séculos posteriores e a súa influencia nos movementos máis innovadoras do século XX, como o expresionismo, o surrealismo e o cubismo.

Rosa Elvira Caamaño Fernández (Bueu, 1954) é licenciada e doutora en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de San Fernando de Madrid e actualmente exerce como profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Ten participado en numerosas exposicións nacionais en localidades como Vigo, Pontevedra ou Madrid, e tamén internacionais, en Italia, Rusia e Polonia, ademais de ser autora do libro Serafín Avendaño 1837-1916, sobre o paisaxista vigués do mesmo nome.

A mostra pode visitarse ata o 30 de maio no horario habitual do Museo de Peregrinacións e de Santiago.

from to
Scheduled ical Google outlook Eventos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *