‘O teu Xacobeo’ recibirá o outono con música e gastronomía a carón do Camiño 🗓

O proxecto ‘Música e viño no teu Camiño’ celebrarase no mes de outubro en Redondela, A Garda e Tui

Tui (Pontevedra), 13 de setembro de 2019

O teu Xacobeo, co fin de descentralizar e de achegar os valores do Camiño de Santiago a toda Galicia, organiza ao longo deste outono accións nas que os protagonistas serán a cultura, a gastronomía ou o deporte. Unha destas iniciativas é Música e viño no teu Camiño, coordinada e presentada hoxe pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural.

Trátase dunha acción que busca puntos de encontro entre as persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago e a poboación local dun xeito diferente e orixinal: a través de tres eventos musicais que se desenvolverán nos concellos de A Guarda, Redondela e Tui. O público asistente poderá degustar viños con denominación de orixe Rías Baixas, da subárea do Rosal, e gozar da gastronomía local a prezos populares. Os eventos celebraranse o vindeiro 4 de outubro, en Redondela; o 12 de outubro, en A Garda, e o 19 de outubro en Tui.

O proxecto busca tamén a implicación da cidadanía en toda a iniciativa. Por este motivo, abriuse unha fase de votación popular na que foron as persoas do territorio no que se desenvolve a acción, as encargadas de escoller o logo distintivo do proxecto.

Máis música

Neste outono, O teu Xacobeo ten programadas outras citas musicais con concertos vinculados ao Camiño, como os coordinados pola Fundación Vicente Risco en torno á gaita como instrumento de música de cámara e que terán unha próxima cita hoxe en Lugo, na igrexa de Santa María, e xa a finais de mes, o 27, en Celenova e o 28 en Allariz.

Tamén terá lugar en próximas datas o Festival Vertixe Sonora que arrancará cos concertos En Ruta, creacións musicais contemporáneas no Camiño Portugués, o vindeiro 29 de setembro, en Tui; e a Banda de Música de o Barco, xunto o contador de historias Eladio Santos Martínez, co Sons da Banda no Camiño do Inverno, que estará en Vilamartín de Valdeorras, o vindeiro 28 de setembro. Tamén se está a desenvolver Camiño de cantares, coordinado pola Asociación Ciclo de Música Barcia de Mera, con concertos de músicas relixiosas en Portomarín o 14 de setembro, en Fisterra o 15, en Negreira o 11 de outubro e no Saviñao, o 13 de outubro.

from to
Eventos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *