O teu Xacobeo une a música contemporánea co Camiño Portugués a través do ciclo ‘En ruta’ 🗓

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe en Tui este ciclo de concertos apoiado pola Xunta que recalará tamén en Valga e Padrón

Tui (Pontevedra), 25 de setembro de 2019

O director de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a iniciativa En ruta, un ciclo de concertos dentro da programación de Vertixe Sonora que unirá música contemporánea con experiencias do Camiño de Santiago, fomentando a creación de vangarda cara á tradición. O proxecto enmárcase no programa O teu Xacobeo posto en marcha polo Goberno autonómico para promover actividades de dinamización na antesala do Ano Santo en toda a Comunidade.

En ruta comezará este domingo en Tui, continuará os días 6 e 7 en Valga e rematará o 12 de novembro en Padrón. Ademais dos concertos, desenvolveranse accións sonoras co alumnado de centros educativos de Tui, Mos, Pontecesures e Redondela. Ao fío disto, Anxo M. Lorenzo destacou que O teu Xacobeo “estase espallando desde o inicio de curso escolar por decenas de centros educativos galegos, con todo tipo de actividades vinculadas ao Camiño”.

Nos concertos tocaranse pezas de 10 compositores nun ciclo de estreas absolutas que remarca a unión natural de música e transmisión de cultura no Camiño Portugués, adaptándoa aos medios e tecnoloxías contemporáneas. A intención é implicar ao público que fai camiño, á veciñanza e aos visitantes.

O representante da Xunta lembrou que O teu Xacobeo está a celebrar outras accións musicais ao longo deste outono como Camiño de cantares, con música vocal e medieval como protagonistas, a música indie do festival Musgo, que se celebrará o19 de outubro, en Ourense; a proposta de Ateneo Barroco que inicia os seus concertos el 1 de outubro en Compostela; ou a Fundación Vicente Risco, que programa un ciclo de concertos coa gaita como protagonista de música de cámara.

Festival Vertixe Sonora 2019
Durante a presentación, na que alumnos do Colexio Plurilingüe San José da Guía recrearon o son dun estanque de ras coa axuda de elementos atopados no Camiño, Anxo M. Lorenzo estivo acompañado do director artístico de Vertixe, Ramón Souto, quen engadiu que En ruta marca o inicio da programación do Festival Vertixe Sonora 2019, cuxa andaina está vinculada ás cidades de Vigo e Pontevedra, pero que espalla cada ano as súas accións ao redor da creación musical contemporánea a novas localidades.

Ademais de En Ruta, O teu Xacobeo celebrará dentro da programación de Vertixe Sonora, o ciclo Latexos, que explora o Camiño Primitivo como oportunidade de conexión coa natureza, e autocoñecemento mediante a estimulación sensorial, a través de diversas actividades que promoverán o diálogo entre a poboación local e os peregrinos.

 

 

Dosier-7º-Festival-Vertixe-Sonora

from to
Eventos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *