Obxectivo Camiño

OBXECTIVO CAMIÑO é unha iniciativa do Consello Xacobeo, que consiste na organización dunha exposición de fotografía artístico-patrimonial sobre o Camiño de Santiago.

A convocatoria está aberta para fotógrafos en formación de todo o territorio español.

OBXECTIVO CAMIÑO busca poñer en valor a profesionalización da fotografía e, á súa vez, destacar a idoneidade da expresión fotográfica para captar, humanizar e facer visible o patrimonio e a experiencia xacobea no marco da celebración, en 2018, do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Esta iniciativa conta co asesoramento da Asociación de Fotógrafos Profesionais de España ( AFP).

En relación á efeméride, como finalidade desta iniciativa destaca:

  • Promover o patrimonio cultural como fonte de inspiración para a creación e a innovación contemporáneas.
  • Buscar unha maior interacción, entre o sector do patrimonio cultural e outros sectores culturais e creativos, neste caso no público novo en período de formación profesional no campo da fotografía.
  • Sensibilizar o público novo, futuros profesionais do sector creativo, acerca da importancia do patrimonio cultural europeo, neste caso o Xacobeo, a través da educación e a aprendizaxe permanente e o achegamento artístico documental deste.

Como participar

Os participantes terán que ser maiores de idade e estar matriculados en estudos oficiais, públicos ou privados, de fotografía (Escolas de Artes e Oficios, Bacharelatos de Artes, estudos de FP e CIFP con materias relacionadas de fotografía, escolas públicas e privadas de Fotografía, Facultades de Xornalismo, Comunicación Visual e Audiovisual) de todo o territorio español. Poderán optar as alumnas e alumnos matriculados en calquera dos citados estudos, independentemente da súa nacionalidade, sempre que a formación sexa superior a 80 horas.

A través do profesorado das materias máis directamente relacionadas coa fotografía, os participantes realizarán as súas propostas fotográficas sobre o patrimonio artístico do Camiño de Santiago (arquitectura, escultura, pintura…), pero ofrecendo un enfoque máis amplo, cos aspectos inmateriais que acompañan a experiencia xacobea, na súa vertente humana e tamén paisaxística, das rutas declaradas Patrimonio Mundial (Camiño Francés, o Camiño do Norte ou da Costa, o Camiño Vasco-Rioxano, o Camiño de Liébana e o Camiño Primitivo).

O alumnado poderá participar na iniciativa cun máximo de tres fotografías, sen límite de formato, que se seleccionarán co apoio do docente implicado, cando proceda.

A primeira fase da iniciativa consiste en que os centros interesados na iniciativa envíen un correo a info@objetivocamino.es, indicando o nome da institución. A partir da recepción do correo daráselle a cada centro un código de subida das imaxes ao mapa de xeolocalización, así como as especificacións técnicas necesarias.

Con ese código, os participantes poderán subir as súas creacións fotográficas a esta páxina web no apartado: mapa.

Cada proposta debe contar coa localización exacta (ben a través de coordinadas de GPS ben coa dirección exacta) do lugar onde foi tomada a instantánea, que os participantes deberán indicar no formulario. Ademais da localización, as fotografías contarán cunha lenda que sitúe a localización, acompañadas polo nome e a data (se se coñece) do obxecto/obra fotografada, así como o nome do autor da fotografía e do centro de estudos ao que pertence.

Deste xeito, construirase a partir de www.objetivocamino.es, unha galería de imaxes xeolocalizadas do Camiño de Santiago, que servirán de base para a selección das imaxes que conformarán a mostra. A data límite de envío de propostas será o 30 de xuño ás 23:59 h.

Selección de imaxes

A partir desa data, o Consello Xacobeo, asesorado pola Asociación de Fotógrafos Profesionais de España ( AFP) e expertos en patrimonio xacobeo, seleccionará as mellores imaxes, ata un máximo de 30 fotografías, polas que os seus autores recibirán unha prestación económica de 600€ brutos en concepto de pagamento de dereitos de reprodución.

Coas fotografías seleccionadas organizarase unha exposición itinerante que terá como punto de partida o Círculo de Bellas Artes de Madrid, cunha mostra que permanecerá aberta ao público os meses de novembro e decembro de 2018. Da mostra, titulada OBXECTIVO CAMIÑO, editarase un catálogo impreso, que terá tamén versión dixital nesta páxina web no segundo semestre do mesmo ano.

Fonte: Consello Xacobeo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *