SPIN WAY 2017

Comeza unha nova edición de Spin Way, o Camiño do emprendemento

Spin Way é un programa internacional que combina a tradición do Camiño de Santiago co talento, axudando a novos emprendedores universitarios a poñer en marcha as súas empresas a través dunha vivencia única que pon a proba a resistencia, coñecemento e capacidade de cooperación dos participantes. O programa acaba de abrir o prazo de inscrición, que se pode formalizar na web ata as 14.00 horas do 28 de abril.

Trátase dunha iniciativa aberta a estudantes de último ano de grao, de doutoramento ou posgrado nalgunha universidade da rexión iberoamericana que teñan un modelo de negocio que destaque polo seu elevado grao de innovación e potencial de crecemento, forte orientación ao mercado e alto impacto social, ambiental e económico nas comunidades onde se desenvolve.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración con RedEmprendia, o Organismo Internacional de Juventud para Iberoamérica (OIJ) e o Instituto de la Juventud (Injuve) impulsan esta edición 2017 de Spin Way. O programa encádrase entre as iniciativas para o desenvolvemento do Pacto Iberoamericano de Juventud, no que se destaca a necesidade de incrementar o protagonismo das personas novas nos ecosistemas de emprendemento, a través de estratexias innovadoras de formación, acompañamento e empoderamento.

Mentorización personalizada

A inscrición é gratuíta e os participantes terán cubertos os seus gastos de aloxamento e manutención durante o desenvolvemento do programa. Adicionalmente, o OIJ brindará apoio económico para o desprazamento a España das persoas seleccionadas que viaxen dende América Latina.

A finais do mes de maio, o día 24, coñecerase o listado dos cen proxectos preseleccionados que se beneficiarán dun período de mentorización en liña, do 5 ao 14 de xuño. O listado provisional de finalistas coñecerase o 20 de xuño. Xa no mes de setembro está previsto un obradoiro preparatorio e a realización dos últimos 100 quilómetros do Camiño.

As cen candidaturas seleccionadas nesta edición recibirán axuda dun mentor persoal para mellorar o modelo de negocio proposto e recibirán feedback de alto valor engadido para o seu proxecto de emprendemento. Entre estas propostas elixiranse tamén os finalistas que viaxarán a Santiago de Compostela para vivir a aventura Spin Way do 7 ao 11 de setembro.

+info

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *