V Premio Internacional APECSA de Divulgación do Camiño de Santiago

Edición dedicada a Jeannine Warcollier

A Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA) -á que pertencen profesionais da comunicación, escritores e historiadores-, en función do seu obxectivo fundacional, consistente na divulgación e difusión do Camiño de Santiago a través da actividade profesional dos seus asociados, convoca novamente o Premio Internacional APECSA de Divulgación do Camiño de Santiago. Nesta V edición, correspondente a 2017, distinguirase o mellor traballo de difusión e promoción vinculado co mundo xacobeo, publicado ou realizado nos dous anos anteriores ao desta convocatoria (2015 e 2016).
A Asemblea de APECSA do día 17 de abril de 2017, por unanimidade, resolveu dedicarlle a V Edición deste Premio a Jeannine Warcollier.

Bases

1. Poderán presentarse a esta edición do Premio Internacional APECSA de Divulgación do Camiño de Santiago, obras e iniciativas de divulgación e promoción xacobeas -libros, publicacións, producións audiovisuais, series en calquera soporte, congresos, xornadas, encontros, etc.- editadas ou executadas nos anos 2015 e 2016, aínda que poidan ter -antes ou despois- unha continuidade no tempo. En todo caso non se premiarán traxectorias, senón o labor realizado no período temporal indicado nesta base 1.

2. As iniciativas que se presenten a concurso deberán estar orientadas, preferentemente, a todo tipo de público e presentar unha faceta orixinal e renovadora en materia de difusión do Camiño e do mundo xacobeo, en calquera das súas realidades -relixiosa, cultural, turística, etc.-. Valorarase o alcance, xustificado, da súa difusión. As obras e iniciativas poderán proceder de calquera país e presentarse en calquera idioma occidental. Serán presentadas polos seus promotores ou autores.

3. O xurado estará formado por 5 persoas de recoñecida traxectoria. De eles, dous serán membros de APECSA designados pola súa xunta directiva, e os tres restantes, a invitación de APECSA, representarán as asociacións ou colexios de xornalistas, o mundo da hostalería e o comercio vinculados ao Camiño, e as entidades xacobeas (asociacións, institucións, etc.).

4. O xurado poderá declarar o premio deserto, compartilo entre máis dunha proposta e, se así o estima, conceder ata un máximo de dous accésits. A decisión do xurado será inapelable.

5. Non poderán presentarse ao premio as iniciativas promovidas pola asociación convocante, APECSA.

6. O prazo de presentación e recepción de obras e iniciativas a concurso concluirá o día 5 de setembro de 2017. O acto de entrega do premio realizarase no último trimestre de 2017. Os membros do xurado poderán presentar candidatos, ao comezo da reunión.

7. As obras entregaranse ou remitiranse ao seguinte enderezo: Rúa Castrón Douro, nº 20. 15703 Santiago de Compostela. Farase constar en lugar destacado o título do premio e a edición correspondente.

8. O premio consistirá nunha escultura, Harmonía, de Luís Loureira, e un diploma acreditativo.
9. As propostas non premiadas poderán ser recollidas polos seus responsables ou por alguén que debidamente os represente no mesmo enderezo de entrega antes dos tres meses posteriores ao da resolución do premio.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2017.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *