XV Xornadas do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra

Os días 15 e 16 de setembro celebraranse as XV Xornadas do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra que este ano estarán dedicadas ao concello da Pobra do Brollón, baixo o título: Os castros mineiros romanos (Castro da Lama e Castro de San Lourenzo- Cereixa) e as adegas centenarias de Vilachá de Salvadur (séculos XVIII e XIX) na Poabra do Brollón.

A asociación do Camiño de Inverno por Ribeira Sacra, organizadora do evento pretende cada ano que organiza estas Xornadas poñer en valor todos aqueles recursos patrimoniais de valor artístico, histórico, cultural, etnográfico, paisaxístico… que viran en torno ao Camiño de Inverno e do concello da Ribeira Sacra ao que se dedican as xornadas de cada ano. Para iso contamos coa colaboración do propio concello da Pobra do Brollón e dos arqueólogos Jose Gago e Xurxo Ayán do Castro de San Lourenzo- Asociación María Castaña.

Co descubrimento e posta en valor do Castro de San Lourenzo – Cereixa, situado a pé do Camiño de Inverno, cremos que é un elemento sumativo da riqueza patrimonial desta ruta polo que a Asociación quixo dar a coñecer os últimos avances dos seus descubrimentos nestas xornadas culturais, ademais das adegas centenarias de Vilachá que constitúen un conxunto etmográfico único en Galicia. E sen faltar os percorridos a pé por este concello; un, polo Camiño de Inverno e outro, entre os bancales de viñedos do Val dos Frades, a beiras do río Sil.

O programa segundo o Cartel anunciador comeza o día 15, sábado a partir das 16:30 levando aos participantes en autobús ata Vilachá desde onde se iniciará a camiñada baixando pola beira esquerda do río Síl cara a Augasmestas (8 km) polo chamado Val dos Frades, entre bancales de viñedos tan típicos dos canóns do Sil na Ribeira Sacra. Logo regresarase a Vilachá onde serán recibidos polo Alcalde e farase un percorrido guiado polas adegas e degustación de produtos da zona cun viño Ribeira Sacra. Todo iso amenizado por Cantar do Cego sobre Atilano.

O día 16, domingo, os participantes sairán en autobús cara a Barxa do Lor, lugar onde se levanta a fermosa ponte alomado, de orixe románica, sobre as augas do río Lor e do que se atopou documentación sobre a súa importancia para os peregrinos no inverno cando se cubrían de neve os cumes do Cebreiro. É este un dos puntos máis fermosos do Camiño de Inverno que separa os concellos de Quiroga do da Pobra do Brollón e onde se atopa un panel cun mapa do Camiño por este concello que instalou a Asociaición do Camiño de Inverno no ano 2005. Desde aquí iniciarase un percorrido a pé polo Camiño de Inverno, pasando polo Castro da Lama, ao pé dunha mina romana, ata A Pobra do Brollón (7km) onde se fará unha parada para un refrixerio e para ver as instalacións adaptadas do pavillón deportivo como albergue solidario de peregrinos. Renovarase a marcha, 3 km máis, ata o Castro de San Lourenzo de Cereixa, situado xunto ao camiño, onde os participantes gozarán, con todo luxo de detalles, dunha visita guiada das escavacións polos arqueólogos encargados do proxecto.

Tras a comida, a última visita será á mina da Veneira de Roques, finalizando así as XV Xornadas do Camiño de Inverno pola Pobra do Brollón.

Os participantes como reflicte o cartel, teñen varias opcións de participar; ou ben os dous días ou só un deles.

Máis información

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *