A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións inicia a súa actividade cun ciclo de conferencias

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou o ciclo de conferencias que terá lugar na sede da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, situada no novo Centro Internacional de Acollida ao Peregrino. Esta cátedra é o proxecto académico máis importante impulsado ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago e supón un fito no estudo do fenómeno xacobeo.

Nava Castro estivo acompañada dos representantes das dúas institucións que promoven a cátedra coa Xunta: Almudena Hospido, vicerreitora de Internacionalización da Universidade de Santiago, e Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago. Xunto a eles compareceron, ademais, Domingo González Lopo, director da cátedra, e a codirectora, Adeline Rucquoi.

O obxectivo da cátedra é promover e difundir o coñecemento no eido xacobeo, facilitando a reflexión e o debate cultural, impulsando a súa presenza no ámbito universitario. Para isto, levaranse a cabo numerosas iniciativas, ademais das conferencias, algunhas xa en marcha como cursos, seminarios, publicacións ou a creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental. Así mesmo, incentívanse bolsas ou contratos de formación e investigación, premios e concursos de ideas ou proxectos fin de carreira vinculados ao Camiño.

As charlas comezan o 4 de setembro, ás 20,00 horas, co relatorio de Fernando Villaseñor, da Universidade de Santander, que abordará a Iconografía de Santiago en libros iluminados baixomedievais. Cada mes, celebrarase unha cita ata finais de ano co seguinte calendario:

6 de outubro: Raquel Alonso Álvarez, Universidade de Oviedo, coa charla A Cámara Santa da catedral de Oviedo. De ‘thesaurus’ a santuario de peregrinación
7 de novembro: Attilio Antonelli, Sopraintendenza Archeologia, Belle Arti e Paesaggio per il Commune di Napoli (Italia), con A Real e Pontificia Basílica de Santiago dos Españois en Nápoles
12 de decembro: Marco Piccat, Universidade de Trieste (Italia), coa conferencia A peregrinación a Santiago de Compostela nas vidas de santos medievais

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *