A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións pecha este martes o seu primeiro ciclo de conferencias

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, promovida entre Turismo de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Catedral de Santiago, pechará este martes día 12 de decembro o seu primeiro ciclo de conferencias, celebrado ao longo deste outono.

O encargado de ofrecer este relatorio será Marco Piccat, da Universidade de Trieste, baixo o tema A peregrinación a Santiago de Compostela nas Vidas de Santos medievais. A cita será a partir das 20,00 horas na sede da cátedra no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, na rúa Carretas de Santiago de Compostela.

Dirixida polo profesor da USC Domingo González Lopo, e con Adeline Rucquoi, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, como codirectora, a cátedra é o proxecto académico máis importante impulsado polo Plan director do Camiño de Santiago. Esta plan, que traballa coa vista no próximo Xacobeo 2021, conta cunha liña estratéxica específica dedicada á investigación, comunicación e divulgación da ruta xacobea.

O obxectivo da cátedra é promover e difundir o coñecemento no eido xacobeo, facilitando a reflexión e o debate cultural, impulsando a súa presenza no ámbito universitario. Para isto, ten previsto levar a cabo numerosas iniciativas algunhas xa postas en marcha como cursos, seminarios, publicacións ou a creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental.

Así mesmo, a través dela incentívanse bolsas ou contratos de formación e investigación, premios e concursos de ideas ou proxectos fin de carreira vinculados ao Camiño de Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *