A Cátedra do Camiño de Santiago fomentará a investigación, a docencia e a difusión da cultura xacobea

A Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Arcebispado asinaron un convenio de colaboración para a creación da Cátedra do Camiño de Santiago.
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións promoverá a difusión dos valores asociados coa peregrinación e o fenómeno xacobeo mediante a realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas. Do mesmo xeito, fomentará a promoción e organización daquelas iniciativas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate cultural e académico no ámbito do Camiño de Santiago, co fin de conseguir o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación cultural e universitaria.

A cátedra tamén impulsará a colaboración con profesores e departamentos universitarios en todo o que favoreza a formación integral dos alumnos e promoverá a investigación no campo do Camiño de Santiago e a peregrinación a Compostela, favorecendo a difusión e o coñecemento das investigacións realizadas mediante publicacións e outras accións de comunicación.

Outro aspecto destacable é que con esta cátedra crearase e manterase un fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas do Camiño de Santiago e disciplinas relacionadas, á vez que axudará á inserción profesional dos estudantes universitarios, procurando deste xeito que a cultura xacobea se vincule cada vez máis estreitamente coa formación das promocións universitarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *