A Cátedra do Camiño de Santiago impulsa dous novos proxectos de investigación cos seus primeiros bolseiros

A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo xunto á Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral, está a apoiar dous novos proxectos de investigación ao abeiro da primeira edición da súa convocatoria de bolsas.

Os traballos impulsados son, en concreto, un estudo ao redor da demarcación do Camiño Portugués, realizado polo investigador Carlos Manso e outro sobre os hospitais do Camiño de Santiago, a cargo de Estefanía López, proxectos a través dos que se afonda na identidade histórica da ruta xacobea, aliñándose así cos obxectivos da cátedra. A eles súmase tamén a posta en marcha da súa páxina web ou o premio que outorgou este ano na súa primeira convocatoria e que recaeu nun proxecto da investigadora italiana Antonella Palumbo da Universitá degli Studi G. D’Annunzio.

Esta cátedra é a iniciativa académica máis importante impulsada ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago. Dada a enorme vitalidade da peregrinación xacobea na actualidade e a súa importancia na nosa sociedade, cun interese crecente cada día máis internacionalizado e diversificado, considerouse moi necesario un instrumento como este para afondar nas súas raíces cunha base científica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *