A Cátedra do Camiño de Santiago outorga o premio de investigación a un traballo sobre a peregrinación en Italia

A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo coa Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral, entregou en Santiago de Compostela o seu premio de investigación á italiana Antonella Palumbo por un traballo inédito ao redor da peregrinación en Italia

No acto -que contou coa presenza do director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, do director da Cátedra, Domingo González Lopo, e do deán da Catedral, Segundo Pérez- fíxose entrega do galardón a esta investigadora, autora dunha obra que compara a peregrinación a Santiago de Compostela e ao santuario de San Miguel en Monte Gargano, no sur de Italia. Para outorgar este recoñecemento, valorouse a súa orixinalidade e a especial atención prestada a un dos capítulos menos coñecidos da peregrinación nas vías secundarias (os tratturi), onde era destacada a presenza de capelas dedicadas ao Apóstolo Santiago e ao Arcánxel.

O premio outorgado pola cátedra suporá un impulso económico para que a autora poda continuar coa súa investigación e facilitaralle o acceso á documentación e bibliografía presente na biblioteca da cátedra, situada no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino en Santiago de Compostela. Antonella Palumbo recolle así o testemuño da profesora Rosanna Bianco, da Universitá degli Studi de Bari, a premiada na primeira edición.

A este recoñecemento súmanse as bolsas que este ano, por vez primeira, outorgou esta cátedra. Trátase dun estudo ao redor da demarcación do Camiño Portugués, realizado polo investigador Carlos Manso e outro sobre os hospitais do Camiño de Santiago que permitirá facer un cartografado destas infraestruturas, a cargo de Estefanía López.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *