Credencial dixital do peregrino

A Catedral de Santiago pon en funcionamento o xerador de selos para a credencial dixital do peregrino

Como paso previo á posta en funcionamento da credencial dixital do peregrino, a Catedral de Santiago presenta a ferramenta de xeración de selos, para que os diversos puntos de acollida poidan crear e rexistrar os seus selos, que se irán incorporando ás credenciais dos peregrinos, como sinal das diferentes etapas da peregrinación ata a tumba do Apóstolo Santiago.

Neste sentido, desde esta semana pódese acceder a esta ferramenta online, desde as webs da Catedral de Santiago e da Oficina de Acollida ao Peregrino. Nela os diferentes puntos de acollida dos Camiños (parroquias, albergues, asociacións de amigos do Camiño de Santiago…) poden inscribirse e rexistrar o seu selo, previamente dixitalizado, ou crear un predeterminado, no caso de non telo en formato dixital. Unha vez validado o selo, descargaranse un código QR que poderán poñer a disposición dos peregrinos, para que o incorporen á súa credencial dixital ao longo das diferentes etapas.

A credencial dixital non substitúe á credencial tradicional en papel, senón que a complementa, sobre todo no que ten que ver con limitar os contactos interpersoais e axilizar o selado, nestes tempos de pandemia que vivimos actualmente. Esta aplicación estará dispoñible tanto en dispositivos Android como iOS.

Fonte: Catedral de Santiago de Compostela

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *