A Catedral de Santiago publica o libro “El sepulcro de Santiago”, obra póstuma do cóengo Alejandro Barral

Baixo o título El sepulcro de Santiago. Documentos – Toponimia – Arqueología, a Catedral de Santiago acaba de publicar o último traballo realizado polo cóengo Alejandro Barral, falecido o pasado 20 de novembro. Esta obra póstuma preséntase como o máis extenso estudo realizado sobre o mausoleo do Apóstolo Santiago e a súa evolución ao longo da historia, como núcleo central da Catedral de Santiago e orixe de todo o fenómeno xacobeo.

O libro comeza facendo un repaso pola toponimia do enclave no que hoxe se levanta a Catedral e a cidade de Santiago para, a continuación, centrarse no mausoleo apostólico ao longo dos séculos: o mausoleo romano, o achado da tumba, e a súa evolción e relación coa construción da basílica románica, as reformas barrocas e o sepulcro na actualidade.

Nunha combinación de documentación e arqueoloxía, á que dedicou moitos anos de investigación, Alejandro Barral leiga un estudo amplo e completo, con todas as informacións, textos e opinións que se publicaron en torno ao sepulcro, o edículo sepulcral, as escavacións e propostas dos máis diversos autores, de forma especial monseñor Guerra Campos.

Alejandro Barral naceu no Grove en 1930. Foi cóengo de arte da catedral de Santiago, director do museo catedralicio e secretario do Consello de fábrica, polo que, durante dúas décadas foi o responsable das obras de conservación do patrimonio da sé compostelá. Entre as súas actuacións máis destacadas cabe mencionar a recuperación do coro do Mestre Mateo, a conservación do coro de madeira ou a reparación das cubertas. Tamén se notou a súa man na recuperación do museo catedralicio, que organizou con criterios científicos. Tamén foi un firme defensor da redacción dun Plan Director da catedral que se axustase á realidade do edificio e ás súas necesidades de financiamento para conservar o seu inmenso patrimonio. Os seus coñecementos e o seu amor á arte valéronlle, entre outras distincións, ser nomeado Profesor Honorario da Universidade Francisco de Vitoria en 2010. Tamén tivo tempo para escribir catro libros. Dous sobre a catedral á que lle dedicou os mellores esforzos da súa vida, unha “Guía da arquidiocese de Santiago de Compostela” e outro sobre “Santa María a Real de Conxo”.

Fonte: Catedral de Santiago de Compostela

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *