A Comisión Organizadora do Xacobeo 21 aproba o proxecto de decreto polo que se regula a utilización da marca

O Pleno da Comisión Organizadora do vindeiro Ano Santo acaba de aprobar por unanimidade o proxecto de decreto polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021, co fin de que mañá xoves poida someterse a aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

A través deste proxecto de decreto apróbase, no marco da Comunidade galega, o manual de identidade gráfica que establece os principios básicos que se aplicarán a toda a gama de produtos de comunicación da marca Xacobeo 2021 en Galicia. Este documento –que vai dirixido a todos os sectores públicos ou privados, implicados directa ou indirectamente e interesados en comunicar o nome da marca– enmárcase no manual de uso de marca aprobado pola Comisión Executiva do Consejo Jacobeo o pasado 6 de novembro.

Ademais do visto e prace a este texto normativo, o pleno tamén aprobou por unanimidade as liñas estratéxicas que articularán o plan conxunto de Galicia para o Ano Santo. Ambos os dous asuntos xa foran expostos o pasado 13 de novembro na Comisión Executiva deste órgano.

Participantes do Pleno

A presidencia do Pleno da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 recae no presidente da Xunta. Así mesmo, está conformado por varios membros do Goberno galego pertencentes ás consellerías de Cultura e Turismo, Presidencia, Facenda, Política Social e Infraestruturas e Mobilidade; así como representantes da Delegación do Goberno en Galicia, do Arcebispado de Santiago, do Concello compostelán e da Fegamp, en representación dos concellos de Galicia polos que pasan os Camiños de Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *