A Consellería de Cultura e Turismo restaurará o retablo maior da igrexa do convento da Mercé, en Verín

A Consellería de Cultura e Turismo acaba de publicar a licitación da obra de restauración do retablo maior da igrexa do convento da Mercé, en Verín, por un importe de 81.298,81 euros. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural levará a cabo esta intervención co fin de garantir a protección e conservación deste ben, que constitúe un conxunto de referencia do patrimonio histórico-eclesiástico de Verín, na Vía da Prata.

O convento de Nosa Señora da Mercé de Verín foi construído a raíz do traslado do edificio que os mercedarios tiñan na vila de Monterrei baixo a advocación de Santa María Magdalena. Fora fundado por don Sancho de Ulloa, primeiro conde de Monterrei, aínda que a construción de hoxe é do século XVIII. A torre barroca da igrexa e a fachada, con trazas neoclásicas, caracterízase pola sinxeleza das súas liñas.

O interior do templo, de nave única, conta cun significativo patrimonio escultural. Destacan o coro e cinco retablos, catro deles laterais e o quinto situado no presbiterio e trazado no segundo terzo do s. XVIII por Frei Pedro Pascual García, mercedario residente en Verín. O retablo maior amosa o momento máis boiante, polo menos desde un punto de vista cultural, polo que pasou o convento a mediados do século XVIII. A riqueza decorativa e a suntuosidade de tanto estípite e voluta harmonizaba coa sofisticación do culto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *