A directora de Turismo de Galicia visita o resultado das obras de sinalización e mellora do trazado no Camiño do Norte

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou os traballos de sinalización e mellora efectuados no Camiño do Norte, que este mércores cumprirá dous anos como Patrimonio Mundial da Unesco. As obras ao longo de preto de 200 quilómetros remataron despois de meses de traballo que fixeron desta ruta xacobea, que cada día xera más interese, un itinerario máis accesible e seguro.

A actuación no Camiño do Norte desenvolveuse en 16 concellos das provincias de Lugo e A Coruña e dividiuse en tres tipos de intervencións: a incorporación de novos sinais que faciliten a orientación dos camiñantes, a rehabilitación do trazado naqueles treitos onde foi necesario e a mellora da drenaxe, para evitar situacións que dificulten a peregrinaxe. O investimento necesario para levar a cabo todas elas superou os 2,3 millóns de euros.

No eido da sinalización, colocáronse máis de 900 fitos de pedra nos cales se indican cantos quilómetros separan ao peregrino da súa meta en Santiago de Compostela. Incorporáronse tamén 200 cunchas cerámicas con frecha en paramentos horizontais e outras 20 cunchas de bronce para a súa correcta sinalización. Como complemento, procedeuse á instalación de carteis informativos nas distintas bifurcacións do Camiño e nos trazados alternativos.

Co fin de que o peregrino non atope problemas no trazado cando discorre por el, leváronse a cabo labores de limpeza, roza e recuperación naqueles treitos do Camiño de Santiago pechados pola vexetación. Do mesmo xeito, naqueles onde se atopaba en malas condicións, dificultando o paso, realizouse aporte de materiais con características semellantes aos que xa existían na zona. E por último, nos casos onde a pendente da ruta era elevada, optouse por estabilizala con materiais que garantan a súa correcta conservación no futuro.

Un terceiro eixo de traballo consistiu na mellora da drenaxe. Para conseguilo, limpáronse as cunetas e colocáronse elementos de pedra como pasos de auga, canais, pasais e elementos de protección nos bordes do trazado, para impedir que a auga poda deteriorar o Camiño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *