A revista de investigación xacobea ‘Ad Limina’ acada a súa inclusión no índice de publicacións máis prestixioso de Europa

A revista Ad Limina: revista de investigación do Camiño de Santiago e as peregrinacións, editada anualmente por Turismo de Galicia e coordinada polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, figurará a partir de agora no índice de revistas máis prestixioso de Europa: Erih Plus.

O estrito control de calidade dos seus artigos, sometidos ás normas científicas que garanten o seu rigor e méritos, levou a que a publicación estea xa incluída nos máis relevantes índices e bases de datos de revistas nacionais e internacionais: Rebiun, Dialnet, Latindex, OCLC-World Cat e Regesta Imperii. Agora súmase a aprobación para a súa inclusión no índice de revistas ERIH Plus, que outorgou este recoñecemento nos ámbitos da Historia, Historia da Arte, Literatura e Investigación Interdisciplinar en Humanidades.

A inclusión de Ad Limina nestes índices supón unha gran satisfacción, pois consolídase como a máis importante publicación científica do Camiño de Santiago e as peregrinacións e, polo tanto, unha referencia ineludible para calquera estudoso e interesado neste eido.

Recentemente publicouse o seu oitavo número, que afonda nunha breve pero intensa traxectoria, desde a súa aparición en 2010. Isto, unido á excelente calidade de edición da revista, testemuña a importancia que Turismo de Galicia, a través do Xacobeo, lle concede á investigación de alto nivel arredor da cultura xacobea, tal como sinala o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago. Unha investigación que está na base dun dos valores esenciais da peregrinación: a súa historicidade. O obxectivo último da revista é o de garantir o futuro das investigacións xacobeas, alicerce fundamental da súa actual revitalización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *