A UNESCO inscribe ao “Liber Sancti Iacobi” no Rexistro da Memoria do Mundo

A Unesco recoñece o alto valor e significado do Códice Calixtino coa súa inscrición no Rexistro da Memoria do Mundo. Logo da recomendación do Comité Consultivo Internacional, o manuscrito medieval que se conserva no arquivo da Catedral de Santiago pasa a formar parte desta prestixiosa e transcendental lista, que contén as testemuñas documentais máis importantes da historia da humanidade.

A iniciativa para acadar a súa inclusión partiu da Xunta de Galicia, que asumiu a proposta formulada polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e elevouna ao Pleno do Consello Xacobeo celebrado en Santiago de Compostela en decembro de 2015, coincidindo coa apertura do Xubileo da Misericordia. Esta posibilidade foi avaliada entón polo resto de comunidades autónomas e das institucións con presenza neste órgano presidido polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo. O seu departamento foi o responsable de tramitar a candidatura, a través da Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais, e de Arquivos, Bibliotecas e Museos e, dentro dela, da Subdirección Xeral dos Arquivos Estatais, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura.

A inscrición do Liber Sancti Iacobi no Rexistro da Memoria do Mundo pon de manifesto a afirmación da Unesco sobre o seu valor e significación permanente, e evidencia que a súa relevancia transcende os límites do tempo e da cultura, polo que debe preservarse para as xeracións actuais e futuras e ser compartido con todos os pobos do mundo. Así, foméntase a súa protección e concienciación e afonda no valor universal do patrimonio xacobeo.

Testemuña da Europa medieval
Xunto ao Códice Calixtino, a Unesco tamén recoñece as copias medievais que se custodian en bibliotecas e arquivos de España e Portugal. De feito, o nome completo da candidatura foi The Codex Calixtinus of Santiago de Compostela Cathedral and other medieval copies of the Liber Sancti Jacobi: The Iberian origins of the Jacobian tradition in Europe, como mostra da importancia que tiveron na Europa medieval todas estas testemuñas documentais, nas que se recolle a tradición textual ao redor do culto xacobeo e do Camiño de Santiago.

O programa Memoria do Mundo é unha das tres iniciativas complementarias da Unesco coas que busca incrementar a protección e concienciación do patrimonio cultural mundial. As outras dúas son a Convención para a Protección do Patrimonio Cultural e Natural do Mundo, á que está adscrita a Lista do Patrimonio Mundial, e a Convención para a Protección do Patrimonio Intanxible. Galicia amplía así o seu catálogo de bens nestes programas, nos que xa estaban presentes a cidade histórica de Santiago de Compostela, o Camiño Francés, a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules da Coruña, o Camiño Primitivo e o Camiño do Norte, así como os diferentes bens asociados aos referidos itinerarios xacobeos, como é o caso das catedrais de Lugo e de Mondoñedo ou o mosteiro de Santa María de Sobrado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *