A World Trails Conference conta xa con preto de 200 inscritos de 37 nacionalidades distintas

Preto de 200 persoas de 37 nacionalidades diferentes inscribíronse xa na 7ª edición da World Trails Conference, o congreso bianual internacional da rede mundial de camiños e sendeiros World Trails Network, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 26 e o 29 de setembro.

O congreso, que conta co apoio de Turismo de Galicia, mantén aberto o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas en aprender da xestión que se realiza nas máis importantes rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación de todo o mundo que estarán presentes no encontro. Coñeceranse, entre outros, os casos do Camiño Kumano Kodo -Patrimonio Mundial e irmandado co Camiño de Santiago desde hai 20 anos- e tamén o Camiño Shikoku Henro, co que tamén Galicia mantén férreas alianzas de colaboración. Haberá, ademais, representantes dos Camiños de Jeju Olle, en Corea do Sur, e do Great Himalaya Trails, o trazado máis largo e alto do mundo e que está situado no Nepal.

Tamén se contará coa participación das rutas culturais de longa distancia que están presentes en Taiwan, así como con xestores de itinerarios e sendeiros de Grecia ou Irlanda e de Sudáfrica, con representantes do Rim of Africa Trail, o sendeiro de montaña máis longo dese país. Xunto a eles, haberá representación de Sudamérica, con rutas de Costa Rica ou Panamá; ou Xordania, coa Jordan Trail. Tamén participarán relatores de Canadá, Rusia, Turquía ou Estados Unidos e o traballo levado a cabo na ruta xacobea en Galicia centrará, ademais, varios relatorios deste congreso internacional.

Xornada aberta ao público o sábado 29

As sesións profesionais que se celebrarán durante o congreso afondarán na vinculación destes itinerarios e a protección da natureza, nos beneficios económicos das rutas para as economías rurais, na preservación do patrimonio cultural e nos valores espirituais, así como na importancia do crecemento sustentable en cada unha destas rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación do mundo. Reservarase, ademais, o sábado 29 como xornada de portas abertas para o público xeral, con entrada libre ata completar aforamento.

A sesión do sábado incluirá a conferencia maxistral de Manuel Butler, director executivo da Organización Mundial do Turismo (OMT), así como as presentacións ao público da xestión realizada en itinerarios como a Ruta dos Fiordos occidentais, en Islandia; a Ruta do Gran Himalaya, no Nepal, ou os Sendeiros dos Apalaches, en Estados Unidos, entre outras. Haberá, ademais, un festival cine dos itinerarios do mundo.

A World Trails Conference permitirá así afondar na contribución cultural e económica que estes itinerarios conseguen nos distintos destinos turísticos, áreas protexidas e espazos rurais que atravesan. As sesións de traballo dos días 26, 27 e 28 celebrarase no Centro Abanca Obra Social de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 17). A xornada de portas abertas do sábado 29 será no Auditorio Abanca (Rúa do Preguntoiro, 23) .

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo na páxina web especialmente habilitada: santiagoworldtrails2018.com.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *