A Xunta abre a inscrición para promover o voluntariado no Camiño de Santiago

A Xunta de Galicia ten aberto o prazo de inscrición para formar parte de accións de información e acompañamento aos peregrinos que percorren a Vía da Prata cara a Compostela. Esta ruta xacobea é a primeira que se abre á participación de voluntarias e voluntarios dentro do programa Voluntariado no Camiño que impulsan a Consellería de Política Social e a de Cultura e Turismo, e que se estenderá a todas as rutas de peregrinación.

A anotación neste programa pode realizarse na páxina web de Voluntariado Galego e os participantes levarán a cabo actividades en dous ámbitos de actuación. O primeiro é o do voluntariado cultural, que consiste no acompañamento aos peregrinos para as visitas a igrexas e outros monumentos da zona. E o segundo ámbito é o do voluntariado informativo, que ten por finalidade dar conta aos peregrinos e visitantes sobre aspectos culturais e de servizos que existan no ámbito territorial, como albergues, oficinas de información ou centros de saúde, entre outros.

No caso concreto da Vía da Prata, as igrexas nas que se poderá colaborar son as seguintes: Santa María de Retorta (Laza), Santa María de Mixós (Monterrei), Santa Mariña de Xinzo (Xinzo de Limia), San Estevo de Sandiás (Sandiás), Santa María a Real (Xunqueira de Ambía), Igrexa de Santiago (Allariz), Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Santa María de Vilanova (Allariz), Beato Sebastián Aparicio (A Gudiña), San Cristobo de Cea (Cea), Santa María de Carballeda (Piñor), San Pedro de Vilanova (Dozón) e Santa Eulalia (Silleda).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *