A Xunta adxudica a restauración da igrexa de Nosa Señora das Dores en Ferrol

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras para restaurar a igrexa de Nosa Señora das Dores, en Ferrol. O obxectivo desta actuación é resolver as patoloxías que impiden a utilización de forma segura deste importante espazo eclesiástico para a celebración da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional.

Así, durante un prazo previsto de seis meses, actuarase sobre a fachada, a estrutura, a cuberta e o sistema de evacuación de pluviais. Concretamente, cómpre incidir sobre a fachada, xa que esta se está abrindo e existe un progresivo desprazamento das torres que están provocando a fractura da bóveda e a fisuración polo lintel da porta e polo óculo da portada principal. Neste senso, o equipo técnico procederá ao atado da fachada mediante tirantes de aceiro e instalará, na coroación dos muros, un zuncho de formigón armado que sirva para ancoraxe.

A continuación, e co obxectivo de solucionar o deterioro da estrutura de madeira, se instalará unha estrutura composta por tres pórticos de aceiro galvanizado e se repararán ou substituirán as pezas da estrutura principal e dormentes que se atopen en mal estado. Por último, en lugar da actual, disporase unha cuberta de tella cerámica curva.

Rehabilitación dos bens vencellados á Semana Santa e ao Camiño Inglés

A igrexa da Nosa Señora das Dores é un ben de especial relevancia, tanto na Semana Santa como no Camiño Inglés, que foi realizado segundo o proxecto do arquitecto Antonio de Bada y Navajas. O templo, ademais de estar catalogado, inclúese no Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Barrio da Magdalena, catalogado ben de interese cultural (BIC) coa categoría de conxunto histórico. Actualmente funciona ademais como sede da Confraría das Dores, unha das agrupacións máis importantes da Semana Santa ferrolá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *