A Xunta apoia proxectos de difusión da cultura xacobea de 21 asociacións de amigos do Camiño de Santiago

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas dirixidas ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago para impulsar os seus proxectos relacionados coa hospitalidade, así como para contribuír ás accións de difusión da cultura xacobea a través do seu traballo en publicacións, das que se beneficiarán un total de 21 entidades.

A contía total destas axudas ascende a 90.000 euros que se distribúe entre as dúas liñas desta convocatoria. A primeira, a relativa aos proxectos relacionados coa acollida e actividades encamiñadas á divulgación da cultura xacobea, conta cunha partida de 55.000 euros. A segunda liña, que se centra nas publicacións, ten consignados 35.000 euros.

Esta liña de axudas enmárcase no traballo da Xunta por apoiar o labor que realizan as asociacións de amigos de Camiño de Santiago, que suman máis de 300 en todo o mundo. Amais, a súa contribución é tida en conta no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 a través dunha liña de acción que recoñece o seu labor, especialmente como embaixadoras do Camiño noutras Comunidades e no estranxeiro.

Cómpre lembrar que o labor que desenvolven estas asociacións é un dos grandes piares do Camiño de Santiago e que, polo tanto, resulta clave a súa implicación e colaboración na planificación do Xacobeo 21. Neste sentido, tense proposto xa a creación dunha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos, ampliando a fecunda colaboración desenvolvida entre a Xunta e o movemento asociativo xacobeo nos últimos anos na nosa Comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *