A Xunta convoca axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago

A Axencia de Turismo de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia unha nova liña de axudas de embelecemento do Camiño de Santiago á que se poderán presentar entidades locais e persoas físicas ou xurídicas. Trátase dunha acción que se inclúe no Plan Estratéxico do Xacobeo 21 e que está dotada con 1,2 millóns de euros.

En virtude deste proxecto, acometeranse iniciativas como a restauración de bens que integran o patrimonio etnográfico galego na contorna da Ruta Xacobea, actuacións en elementos que xeren un forte impacto paisaxístico nos diferentes itinerarios ou a substitución de elementos de mobiliario urbano deteriorados ao longo dos trazados, entre outras actuacións.

As axudas do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago dividiranse en dúas categorías en función do solicitante. Así, a primeira delas permitirá financiar un mínimo de 40 actuacións propostas por entidades locais, nas que se inclúen os concellos de Galicia polos que discorre algún tramo do Camiño ou calquera entidade supramunicipal galega (deputacións, mancomunidades…) sempre que teñan competencias para a actuación proposta. Terá unha dotación de 600.000 euros.

A segunda categoría irá dirixida a persoas físicas e xurídicas privadas titulares dun dereito real sobre un ben moble, inmoble, recurso ou elemento situado no Camiño de Santiago ou os arrendatarios dos citados bens. Neste apartado inclúense, ademais, comunidades de propietarios, asociacións de veciños ou comunidades de montes veciñais en man común. Así pois, financiaranse un mínimo de 60 actuacións nesta categoría que contará cunha dotación de 600.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *