A Xunta convoca axudas para as asociacións de amigos do Camiño de Santiago

A Consellería de Cultura e Turismo incrementa nun 11% as axudas dirixidas ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago na nova convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), de xeito que a Administración autonómica investirá un total de 100.000 euros nestas achegas.

Esta cantidade distribuirase entre as dúas liñas desta convocatoria. A primeira, coa que se subvencionarán accións de dotación de servizos, accesibilidade, novas tecnoloxías e sustentabilidade ambiental, formación e programas de hospitaleiros voluntarios e accións de mellora de albergues, contará cunha partida de 50.000 euros. Para a segunda liña, relacionada co estudo e documentación do fito xacobeo, coa difusión da cultura xacobea e publicacións relativas á difusión da cultura xacobea, destinaranse outros 50.000 euros. Como máximo, cada entidade beneficiaria poderá recibir 10.000 euros.

As axudas articúlanse a través dunha convocatoria en concorrencia competitiva e poderán solicitalas as asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades legalmente constituídas que teñan como finalidade a promoción da Ruta Xacobea e a súa peregrinación.

Esta liña de axudas enmárcase no traballo da Xunta por apoiar o labor que realizan as asociacións de amigos de Camiño de Santiago, que suman máis de 300 en todo o mundo. Cómpre lembrar que o labor que desenvolven estas asociacións é un dos grandes piares do Camiño de Santiago e que, polo tanto, resulta clave a súa implicación e colaboración na planificación do Xacobeo 21. Neste sentido, tense proposto xa a creación dunha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos, ampliando a fecunda colaboración desenvolvida entre a Xunta e o movemento asociativo xacobeo nos últimos anos na nosa Comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *