A Xunta crea o grupo de traballo das asociacións de amigos do Camiño de Santiago e fundacións xacobeas en Galicia

O Museo das Peregrinacións acolleu a presentación e sinatura da acta fundacional do grupo de traballo das asociacións de amigos do Camiño de Santiago e fundacións xacobeas en Galicia. Unha sorte de lugar de encontro e mesa de diálogo sobre os Camiños de Santiago asociado á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e no que están chamadas a participar as asociacións, federacións e fundacións con sede na nosa Comunidade e dedicación exclusiva ou preferente ao Camiño de Santiago e a cultura xacobea.

O grupo de traballo terá entre os seus obxectivos principais fomentar o diálogo entre as propias entidades integrantes, e entre estas e a S.A de Xestión do Plan Xacobeo para a defensa, estudo, preservación e mellora do Camiño de Santiago en Galicia e da cultura xacobea en xeral. Ademais, servirá de foro para dar a coñecer os plans e programas nestes eidos; canalizará as demandas e propostas procedentes do tecido asociativo; e impulsará medidas para unha maior sensibilización social arredor dos valores e relevancia social, cultural e económica do Camiño de Santiago e cultura xacobea. Elaborando, de ser o caso, propostas sobre accións de investigación e divulgación científica e fomentando o traballo en rede.

Reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez cada trimestre nas dependencias da S.A. en Santiago, agás unha vez ao ano, que será noutros lugares de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *