A Xunta de Galicia acometerá obras de adecuación en catro zonas de entrada do Camiño de Santiago en Compostela

A Xunta acometerá obras de adecuación en, polo menos, catro zonas de entrada do Camiño de Santiago na cidade, onde o Concello porá á disposición os terreos e reporá os servizos afectados

A Xunta avanzou a contratación dos proxectos para mellorar a integración paisaxística do Camiño de Santiago na súa entrada á cidade de Compostela, cun investimento previsto de 4,2 millóns de euros. Así o avanzou a consellería de Infraestruturas e Vivenda tras o acto de sinatura do acordo de colaboración entre o Goberno galego e o Concello de Santiago para o impulso desta actuación, que deberá estar rematada antes da celebración do vindeiro Ano Xacobeo, en 2021.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda asume o compromiso de planificar e levar a cabo as actuacións de mellora e integración paisaxística en puntos estratéxicos do Camiño á entrada en Compostela. Así, no Camiño Francés, actuarase entre a baixada do Monte do Gozo e San Lázaro; e nas rúas das Fontiñas, Fonte de Concheiros e Concheiros, especialmente na reordenación do cruce coa Avenida de Lugo; no Camiño Portugués, na chegada ao Mosteiro de Conxo e a rotonda sobre a SC-20; e no Camiño Inglés, no tránsito no polígono do Tambre e fronte ao cemiterio de Boisaca. Ademais estudarase a posibilidade de realizar actuacións na Vía da Prata, de modo complementario á actuación prevista polo Concello en Castrón Douro; ou no Camiño Portugués ata a Ponte da Rocha Vella.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *