A Xunta de Galicia colaborará coa Catedral de Santiago na realización da maior obra de investigación sobre o templo

Así, tras autorizar hai dous meses un acordo coa Catedral para clasificar a documentación sobre o Camiño de Santiago que está no arquivo catedralicio, a Xunta achegará 210.000 euros para investigar e afondar na historia do santuario, contando coa participación de historiadores, especialistas na historia da arte, arqueólogos, arquitectos, restauradores e teólogos, entre outros.

O estudo, que se publicará en dous volumes en 2020, incluirá todos os descubrimentos que se fixeron durante a restauración da Catedral así como o propio proceso de rehabilitación.

Trátase dunha obra coral que axudará a comprender o templo e todas as circunstancias históricas e culturais arredor del, aspirando así a converterse nun estudo de referencia a nivel internacional.

O traballo, que abordará a construción da Catedral, a súa evolución ao longo dos séculos e a súa relación material e inmaterial entre o templo, a cidade e o Camiño de Santiago, pretende ser herdeiro das investigacións do medievalista americano Kenneth John Connant, un dos escasos académicos que no século XX fixeron achegas integrais ao santuario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *