A Xunta de Galicia conmemorará o 30 aniversario do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo

A directora de Turismo, Nava Castro, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron hoxe o programa conmemorativo do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, organizado por Turismo de Galicia. A celebración comezará o próximo luns, no mesmo día no que se cumpren tres décadas do recoñecemento do Consello de Europa, e estenderase ata o 18 de novembro.

A conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo servirá, ao mesmo tempo, para recapitular o acadado e sentar as bases dos retos e as oportunidades nunha época na que os valores da ruta seguen estando vixentes. Nesta programación especial implicaranse numerosas institucións internacionais, europeas, nacionais e galegas, ademais da sociedade civil, cunha forte presenza do mundo académico e a universidade, crucial na configuración do fenómeno xacobeo contemporáneo.

O Hotel Monumento San Francisco acollerá o luns o acto oficial da conmemoración, ao que seguirá esa mesma tarde un concerto do artista Amancio Prada na Catedral de Santiago, xunto á Escolanía do santuario e aos Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Desde ese mesmo luns día 23 e ata o mércores 25, terá lugar o seminario Camiño de Santiago e Europa, organizado pola Cátedra do Camiño de Santiago e as peregrinacións da Universidade de Santiago (USC), en colaboración co Grupo Compostela de Universidades. Este encontro, con relatorios, mesas de debate e laboratorios prácticos desenvolverase no Paraninfo da USC e Museo das Peregrinacións e de Santiago. Nel, catedráticos, profesores e especialistas de varios países afondarán na realidade da ruta xacobea desde perspectivas variadas como a antropoloxía, o patrimonio, a sustentabilidade, as políticas públicas, a arte, ou a historia, entre outras. Marcelino Oreja, que no ano 1987 dirixía o Consello de Europa, será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural. Tamén neses tres días reunirase na capital galega o Comité Técnico da Federación Europea do Camiño de Santiago e, na xornada do luns, fará o propio o Comité Executivo do Consello Xacobeo, co fin de avanzar en diversas liñas de traballo entre as comunidades polas que discorre a ruta xacobea.

Un día despois, o martes 24, entregaranse os Premios Camiño de Santiago 2017, cos que se recoñece o traballo neste eido de institución públicas, asociacións, empresas, colexios, universidades e investigadores, afondando nos obxectivos do Consello de Europa.

O programa conmemorativo proseguirá en novembro, con tres citas máis. A primeira será o día 6, cun Encontro dos Itinerarios Culturais Europeos no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG). Seguiralle, desde o xoves 9 ata o sábado 11, o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos impulsado polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e que nesta ocasión leva por título Jacobus Patronus. Finalmente, porase o broche de ouro á conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo co International Seminar on Transnational Tourism Themes and Routes, organizado por Turismo de Galicia xunto á European Travel Comission (ETC) e a World Tourism Organisation (UNWTO). Nesta cita estarán presentes os responsables de ambos organismos, ademais de membros de institucións tan relevantes como a Unesco, o Parlamento e a Comisión Europea, o Instituto Europeo de Rutas Culturais, a Asociación Europea de Turismo (ETOA), Ibertur ou a Federación Europea de Cidades Napoleónicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *