A Xunta de Galicia convoca o Premio Elías Valiña para o ano 2018

ORDE do 20 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago e se convoca a súa XX edición para o ano 2018.

O intercambio de culturas e o entendemento entre os pobos é un dos valores fundamentais que xurdiron dos camiños de Santiago desde o século IX ata os nosos días. Nestes séculos de intercambios e coñecementos vanse conformando uns dos itinerarios culturais de maior valor simbólico, coñecidos en todo o mundo e que representan a unidade e a transferencia de coñecementos sen límites e a liberdade de movementos.

A comunidade internacional contempla así os camiños de Santiago, especialmente o chamado Camiño Francés, recoñecido como primeiro itinerario cultural europeo e incluído na Lista do patrimonio mundial da Unesco xunto coas rutas Camiño do Norte (Costa e Interior), consciente de como asentaron os fundamentos do progreso e dos vencellos afectivos e emocionais entre os pobos, alén dos vínculos xurídico-políticos, promovendo o xermolo da idea de unidade de Europa. Este espírito anovador conxugou o relixioso, o espiritual, o etnográfico, o antropolóxico e o económico como alicerces dun patrimonio cultural sobranceiro que cómpre protexer e potenciar.

Todo isto o encarnou o entusiasmo e o traballo de persoeiros, entre os cales cómpre destacar, pola súa importancia e común recoñecemento, a Elías Valiña Sampedro. No seu nome preténdese homenaxear con cada convocatoria o traballo que puxo no escenario actual de renacemento as rutas xacobeas e de éxito no incremento sorprendente do número de persoas que acadan a credencial Compostela. Unha herdanza cultural inestimable que hai que xestionar sabiamente para que os aspectos económicos e os produtos turísticos derivados se doten dunha credibilidade baseada na autenticidade dos sobranceiros valores culturais irrenunciables que lle outorgan sentido fondo e pleno.

Este premio pretende recoñecer tamén con gratitude as inquedanzas e labores das persoas e asociacións que traballan a prol do camiño, por máis que só unhas poucas poidan ser as agasalladas, segundo criterios selectivos de excelencia e eficiencia dos recursos públicos sempre escasos.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *