A Xunta de Galicia e a Junta de Andalucía promoverán accións conxuntas para impulsar a Vía da Prata

A Xunta de Galicia e a Junta de Andalucía sentaron as bases para promover accións conxuntas que permitan impulsar a Vía da Prata coa vista posta no Xacobeo 21. Nun encontro mantido en Sevilla entre o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a consejera andaluza de Cultura e Patrimonio, Patricia del Pozo, acordaron estudar a posta en marcha dunha batería de medidas que permitan estender o coñecemento desta ruta entre a sociedade, mellorar a sinalización e o estado do trazado ou promover accións culturais conxuntas para a súa promoción, entre outras iniciativas.

Os responsables de Cultura das comunidades na que comeza e remata este itinerario coincidiron á hora de sinalar a Vía da Prata como unha ruta cun enorme potencial de crecemento, especialmente ás portas do vindeiro Ano Santo. Así, entre as súas calidades destacaron o seu clima favorable nas estacións frías, converténdoa nunha ruta adecuada para os meses da primavera e o outono, ou as súas condicións óptimas para os peregrinos que realizan a ruta a cabalo e en bicicleta, sumado ás sinerxías cos trazados que percorren Portugal. Ademais, trátase dunha ruta vinculada a destacadas cidades e recursos arquitectónicos e artísticos distinguidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *