A Xunta de Galicia estreita relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago de EEUU

Turismo de Galicia vén de estreitar as súas relacións coas asociacións do camiño de Santiago en EEUU, tras a participación do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, na 20th Annual Gathering of Pilgrims, que reuniu estes días en Georgia a máis de 200 participantes interesados no fenómeno xacobeo.

O encontro serviu para consolidar a relación con American Pilgrims on the Camino, organizadores do encontro e asociación americana que participa cada ano no programa de hospitaleiros voluntarios colaborando co albergue de Ribadiso entre os meses de maio e outubro.

Neste sentido, o xerente do Xacobeo aproveitou a ocasión para agradecer aos membros da súa directiva o importante papel que están a ter na mellora da atención aos peregrinos, especialmente os internacionais, neste emblemático albergue do Camiño Francés.

Rafael Sánchez deu a coñecer, ademais, aos participantes no encontro, as liñas de actuación levadas a cabo en Galicia na xestión do Camiño de Santiago. Centrouse especialmente en asuntos como a Rede Pública de Albergues de Galicia, así como na sinalización da Ruta Xacobea, entre outros aspectos.

Durante a súa visita a Georgia, o xerente do Xacobeo tamén mantivo encontros con representantes de diferentes universidades norteamericanas que impulsan entre os seus estudantes o Camiño de Santiago e investigan sobre a Ruta Xacobea.

Rafael Sánchez reuniuse con representantes do College William & Mary, de Virginia, da Lander University, de Greenwood, Carolina del Sur, e da Universidade Virginia Tech aos que informou e invitou a participar na Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, impulsada conxuntamente por Turismo de Galicia, a Universidade de Santiago e a Catedral compostelá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *