A Xunta de Galicia licita as obras de conservación no convento de Herbón

A Xunta de Galicia licitou hoxe as obras de conservación no convento de Santo Antón de Herbón, en Padrón, que permitirá resolver os problemas presentes na zona do claustro, a máis antiga do convento e a que se atopa en peor estado, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas cara ao seu uso cultural.

Concretamente, ao abeiro desta actuación que conta cun prazo de execución previsto de seis meses, actuarase na zona do claustro, onde a falta de mantemento dos últimos anos provocou a entrada de auga e o deterioro das estruturas e dos acabados. Neste marco, e co obxectivo de resolver este problema, restauraranse as cubertas e o forxado de piso no primeiro andar, conservando as madeiras que se atopen en bo estado e mantendo a tipoloxía naqueles casos nos que sexa preciso substituílas.

Fundado no ano 1396

Con estas actuacións, a Xunta de Galicia pretende impulsar e poñer en valor unha infraestrutura clave, tanto no Camiño Portugués como na comarca de Santiago de Compostela, que conta cun gran valor patrimonial e histórico, xa que a maior parte do conxunto data da primeira metade do século XVIII. Cómpre destacar que o convento de Santo Antón de Herbón foi fundado no ano 1396 e que desde entón pasou por varios usos e etapas que van desde o colexio de misioneiros, seminario, convento e colexio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *