A Xunta de Galicia presentou o proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polos delegados territoriais da Xunta na Coruña e en Vigo, Ovidio Rodeiro e Ignacio López-Chaves, presentou o proxecto de actuacións previstas para este ano no Camiño Portugués aos representantes dos concellos polos que discorre este itinerario xacobeo que entra en Galicia por Tui e percorre outros 17 municipios das provincias de Pontevedra e da Coruña.

O proxecto para esta ruta conta cun investimento superior aos 1,7 millóns euros, que se destinarán a revitalizar, promover e poñer en valor esta ruta xacobea cumprindo así o cronograma previsto polo Plan director do Camiño de Santiago, que avanza en oito liñas estratéxicas simultáneas desde hai máis de dous anos coa vista posta na celebración do Xacobeo 2021.

Ao abeiro deste plan, Turismo de Galicia centra os seus investimentos en diferentes rutas cada ano. Así, e tras ter actuado xa en cinco delas, o Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra Muxía -no que se están a executar varios traballos-, Turismo de Galicia dedica este ano ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués da Costa. Nos próximos anos seguirá o mesmo protocolo co resto de itinerarios oficiais existentes para contribuír á súa dinamización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *