A Xunta de Galicia restaurará a igrexa da Trinidade en Ourense

A Consellería de Cultura e Turismo restaurará a igrexa da Trinidade en Ourense. O obxectivo da intervención consiste na execución dunha serie de actuacións que melloren a situación actual da edificación. Deste xeito, resolveranse as patoloxías existentes no sistema de cubertas grazas á renovación das mesmas e da rede de evacuación de pluviais. Ademais, se prevé limpar a fachada, repoñer os rexuntados deteriorados, drenar os muros en contacto co terreo e sanear os paramentos interiores.

A igrexa, orixinaria dos séculos XII e XIII –aínda que reformada nos séculos XV e XVI– conta cunha fachada con tripla arquivolta de arcos apuntados. O exterior do templo está coroado por unha crestería gótico-flamíxera e os contrafortes e torreóns cilíndricos reforzan o seu aspecto de fortaleza medieval. O interior presenta unha planta basilical e a súa capela maior cóbrese cunha bóveda. A porta de entrada do atrio pertencía ao primitivo hospital de San Roque, de época renacentista e o cruceiro é da época plateresca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *