A Xunta de Galicia restaurará o Mosteiro de Carboeiro

Cultura e Turismo licitará nos próximos días a obra de reparación e restauración do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, na que a Consellería investirá arredor de 323.000 euros. Así o anunciou con motivo da sinatura do convenio de colaboración co Concello de Silleda e a Diocese de Lugo, a través do cal ambos os dous propietarios do espazo poñen a disposición os terreos e inmobles necesarios para levar a cabo os traballos de rehabilitación.

En concreto, as actuacións –que terán un prazo de execución de 4,5 meses– estarán orientadas á limpeza e reparación da cuberta da igrexa, á limpeza das fachadas en xeral, á mellora das fiestras das torres para evitar a entrada de auga na cripta, así como á reparación e consolidación de muros en mal estado e á rehabilitación da cuberta da antiga casa monacal, na que tamén se solucionarán os problemas de humidade. A maiores, limparanse as pinturas da ábsida.

Cómpre lembrar que este proxecto de rehabilitación se enmarca no programa de actuacións destinado á conservación e posta en valor de inmobles declarados BIC vinculados coas rutas do Camiño de Santiago.

Arquitectura e paisaxe

O Mosteiro de Carboeiro é un dos monumentos medievais máis salientables de Galicia, tanto pola súa arquitectura como polas súas características de implantación no territorio, construído nun promontorio escarpado rodeado polo río Deza e ao carón do camiño que conducía a Merza e Santiago. Declarado BIC coa categoría de monumento, as súas orixes remóntanse ao século X, sendo fundado polos condes de Deza.

A igrexa é de estilo románico con influencias góticas e clara relación coa arquitectura santiaguesa da época representada polo Mestre Mateo. A planta é de cruz latina con tres naves, xirola e curtos brazos. Tres capelas absidais semicirculares radiais apóianse sobre a cripta que salva o gran desnivel do terreo. Desde o punto de vista escultórico destacan os capiteis con decoración vexetal e as portadas sur e oeste. Na porta principal, as arquivoltas desenvolven o motivo dos Anciáns do Apocalipse. Pola súa parte, no claustro existen restos de cantería medievais provenientes das escavacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *