A Xunta destina máis de 3,9 millóns de euros a axudas para a rehabilitación de viviendas nos Camiños de Santiago, no medio rural e en cunxuntos históricos

A Xunta de Galicia destinará máis de 3,9 millóns de euros ás axudas de rehabilitación de vivendas e edificios no marco da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e ás actuación de rehabilitación e remate de fachas no medio rural e conxuntos históricos.

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean emprazadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago e estean en posesión da correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

As persoas interesadas en acceder a estas axudas poderán solicitalas dende mañá e ata o 30 de novembro de 2017. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta convocatoria: goo.gl/uDRPLg

O importe máximo da axuda será de 15.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán de financiamento estatal e non poderán superar máis do 35 por cento do orzamento e 4.000 de financiamento autonómico, co límite do 10 por cento do orzamento.

A delimitación da ARI comprende o trazado das setes rutas do camiño en Galicia:

Francés. Dende Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
Da Prata I. Dende A Mezquita ou Verín ata Ourense e da Prata II. Dende Ourense ata Santiago de Compostela
Inglés. Dende Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
Primitivo. Dende A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
Norte. Dende Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
Fisterra-Muxía. Dende Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
Portugués. Dende Tui a Santiago de Compostela

A de 2017 é a terceira convocatoria deste tipo de axudas, posto que ao abeiro das dúas anteriores xa se rehabilitaron 255 vivendas, con preto de 1,5 millóns de euros e están en trámites outras 235, con subvencións de máis de 1,1 millóns de euros.

Esta ARI comprende 445 parroquias de 107 concellos das catro provincias galegas. Nas zonas de carácter rural o ámbito da área de rehabilitación comprende a totalidade da parroquia, de maneira que todas as vivendas da mesma que cumpran os requisitos poden beneficiarse das axudas establecidas. Nas zonas urbanas o ámbito da ARI restrínxese ao trazado do Camiño.

Rural e conxuntos históricos

Por outra parte, o DOG tamén publica a convocatoria de axudas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago, nas que a Xunta de Galicia investirá en 2017 un millón de euros. A contía destinada a estas axudas poderá se ampliada se así o esixe a demanda de axudas.

Da contía total, 500.000 euros destinaranse a actuacións no medio rural e outros 500.000 euros a actuacións en conxuntos históricos e nos Camiños de Santiago.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta convocatoria: goo.gl/uDRPLg

Poderán ser beneficiarios das subvencións os promotores das actuacións que cumpran os requisitos establecidos e conten coa resolución de cualificación definitiva ou coa cédula de rehabilitación de calidade. Ademais a vivenda deberá ser domicilio habitual do propietario ou dun inquilino no caso de estar alugada. A única excepción son os galegos residentes no exterior da comunidade autónoma e que non destinen a vivenda ao alugamento, pois neste caso a obriga limitarase á residencia na vivenda rehabilitada ou reconstruída durante un período de, polo menos, 15 días ao ano.

Polo que respecta ao límite de ingresos dos beneficiarios, será de 3,5 veces o Iprem no caso de rehabilitacións no medio rural e de 6,5 veces o Iprem en rehabilitacións en conxuntos históricos e nos Camiños de Santiago. No caso de vivendas destinadas ao alugamento, os ingresos dos inquilinos non poderán superar 4,5 veces o Iprem.

O importe da subvención será do 50 por cento do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, cun límite de de 6.600 euros no caso de remate de fachada e rehabilitación, e de 8.600 euros na modalidade de reconstrución de edificios e vivendas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *