A Xunta e a Fundación Once únense para favorecer a accesibilidade universal no Camiño de Santiago

A Xunta de Galicia e a Fundación ONCE firmaron un convenio para a inclusión social de persoas con discapacidade co obxectivo de desenvolver a accesibilidade universal no Camiño de Santiago a través do proxecto Camino de Santiago: tu compañero del Camino.

Este proxecto aplicarase no Camiño Francés ao longo do seu percorrido por España e Galicia é a primeira comunidade autónoma que asina este convenio.

Así, no marco deste acordo, implementarase unha solución dixital para mellorar a accesibilidade do percorrido para persoas invidentes ou con problemas de visión, a partir da dixitalización precisa dos percorridos asociados a cada unha das etapas do Camiño, a xeración de contidos dixitais accesibles asociados aos seus puntos de interese e a integración de ditos contidos dixitais cunha aplicación accesible de guiado sensorial. A finalidade deste traballo é que os usuarios dispoñan dunha aplicación móbil accesible capaz de guialos utilizando a información dixital dos percorridos, xerados con alta calidade e precisión, e ofrecerlles unha audiodescrición accesible dos puntos de interese para facilitarlles o desprazamento e a interacción cos elementos do entorno.

Ademais, desenvolverase unha versión accesible da aplicación do Instituto Geográfico Nacional do Camiño de Santiago para facilitar a empregabilidade e acceso de todas as persoas á información sobre certos recursos turísticos, así como un xestor de contidos web que permita a xestión da información turística proporcionada e a adición de novos recursos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *